XII Premios á calidade lingüística para traballos académicos, TFG/PFC e TFM

As persoas egresadas da universidade non só deben contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos. Tamén é desexable que teñan desenvolvidas outras destrezas, habilidades e valores: autonomía, pensamento crítico, dominio das novas tecnoloxías... A presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal –o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc.-, é unha habilidade comunicativa que calquera universitario/a debería posuír.

A USC, a partir dunha iniciativa das comisións de normalización lingüística dos centros, pretende contribuír a este obxectivo coa undécima edición dos Premios á calidade lingüística, fomentando unha cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego.

Premios

Os XII Premios á calidade lingüística outorgarán un único galardón por modalidade por cada unha das cinco áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades). A este respecto, seguirase a clasificación das titulacións por ramas de coñecemento que establece a propia USC.

Deste xeito, os traballos académicos optarán a un dos cinco premios de 150 euros e diploma segundo a clasificación da titulación. O mesmo ocorre cos traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC), aínda que neste caso son os cinco galardóns de 300 euros, e igualmente coa terceira das modalidades, a dos traballos de fin de mestrado (TFM), que poden recibir ata cinco premios de 500 euros. En total, repartirase un monto de 4750 euros en premios.

Como presentarse

A iniciativa esténdese a todos os centros e titulacións da USC. Daquela, todos os estudantes de grao, enxeñaría ou mestrado da USC que fagan os seus traballos en galego e obteñan cando menos a cualificación de aprobado poderán optar a estes premios.

O mellor dos Premios á calidade lingüística é que non cómpre facer nada ad hoc, agás presentarse. Só elaborar o traballo que corresponda, en galego, aprobalo (ata aquí, nada extra) e presentalo nos rexistros da USC ou certificalo, dirixido ao Servizo de Normalización Lingüística no prazo (ata o 29 de xullo e o 30 de setembro, respectivamente) que se indica nas bases correspondentes a cada modalidade.

No web dos Premios non só se fornece toda a información e documentos. Tamén achega recursos para axudar a mellorar o aspecto formal (deseño, lingua) dos traballos: modelos de TFG e TFM, criterios de estilo, correctores e tradutores, dicionarios e repertorios terminolóxicos...

 

Martes, 08 de marzo de 2016