Mellora o teu discurso oral

Todos os estudantes universitarios deben falar regularmente en público de xeito formal, para expoñer un traballo ou un proxecto, para responder un exame oral. E moitos terán que seguilo facendo na súa vida profesional. Mais a nosa tradición educativa non nos fornece pautas para facelo con seguridade e tranquilidade ou coa calidade necesaria. O obradoiro "Mellora o teu discurso oral", que organiza a Comisión de Normalización Lingüística de Filoloxía co apoio do SNL, serve precisamente para mellorar o teu discurso oral nun nivel formal en galego e ten recoñecido 1 ECTS para todas as titulacións, por competencias transversais.

Con “Mellora o teu discurso oral” entenderás por que algunhas persoas resultan tan boas comunicadoras e como o conseguen. Adquirirás habilidades sociais, como perder o medo a falar en público ou a dominar a linguaxe non-verbal. Tamén adquirirás competencias discursivas, coas que aprenderás a artellar un discurso oral estruturado, adecuado, coherente e cohesionado, e a manexar os diversos tipos de argumentacións. E finalmente, tamén mellorarás as túas competencias lingüísticas orais en galego, de xeito transversal. En definitiva, aprenderás a falar en público sen medo, de xeito organizado e cun mellor galego. Mesmo haberá tempo para centrarse en como defenderes un traballo académico.

Para iso o obradoiro será eminentemente práctico, con moito traballo individual e en grupo, para analizar situacións comunicativas formais e profesionais, e para preparar supostos que se gravarán, visualizarán e comentarán.

As avaliacións das edicións anteriores son moi positivas. As persoas asistentes valoraron a súa utilidade cun 3,7 sobre 4, e a súa satisfacción global co obradoiro cun 3,64 sobre 4. "A maioría quedamos con ganas de máis”, “Un obradoiro fundamental para os estudantes e para quen necesite falar en público”, “A mellora dos alumnos foi notable ao longo do curso” foron  algúns dos eloxiosos comentarios realizados polos asistentes.

O obradoiro desenvolverase do 28 de marzo ao 14 de abril en Filoloxía, de luns a xoves, en horario de tarde (de 17 a 19 h). Está aberto a todo o alumnado (con preferencia do estudantado do propio centro) e tamén aos demais sectores da facultade. Cómpre posuír un nivel de Celga 4 en lingua galega (estudos do bacharelato en Galicia na súa totalidade cursando de maneira oficial a materia de lingua), aínda que non é preciso presentar o certificado.

Para participar, cómpreinformarse e matricularse ata o 15 de marzo, cun custo de 30 euros, a través do web do SNL. A USC emitiralles un diploma de asistencia e bo aproveitamento, no cal figurará o número de horas correspondentes (25 horas), a aqueles alumnos e alumnas que superen a avaliación. O obradoiro ten recoñecido 1 ECTS por competencias transversais (lingua galega) para todas as titulacións de grao.

Mellora o teu discurso oral

Martes, 08 de marzo de 2016