Mención honorífica ao SNL no Día Internacional das Mulleres

O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, a USC adoita celebralo, entre outros, cun acto commemorativo onde se recoñece a traxectoria dun servizo, grupo ou centro da USC a prol da igualdade en materia de xénero na Universidade. Esta mención honorífica lévase outorgando dende 2011 e recibírono dende aquela o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX), o Seminario Mulleres e Universidade, o Servizo de Vixilancia da Saúde, a Escola Infantil Breogán, e o Programa Woman Emprende.

En 2016 esta Mención Honorífica foille outorgada ao Servizo de Normalización Lingüística pola súa implicación coa promoción da linguaxe non sexista, no cumprimento da acción 1.7. do II Plan Estratéxico de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na USC. A mención honorífica vai máis alá do cumprimento desta acción: é un recoñecemento, concedido polo reitor, a unha traxectoria de compromiso coa igualdade de xénero.

Discurso do director do SNL

No acto de entrega, no que participaron o reitor da USC, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, e vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, o director do SNL, Manuel C. Núñez Singala, pronunciou o seguinte discurso:

"Como director do Servizo de Normalización Lingüística, e en nome de todas as persoas que constituímos na actualidade este pequeno organismo, tamén no daquelas que estiveron con nós no pasado, correspóndeme primeiro que nada dar as grazas por este galardón que a universidade ten a ben outorgarnos. Sentímonos moi honrados e agradecidos por esta distinción.

Fainos especial ilusión que se recoñeza a nosa traxectoria a prol da igualdade de xénero nesta universidade que nos acolle, unha angueira á que contribuímos na medida das nosas posibilidades e no eido que nos é propio: o da lingua.

Creo conveniente destacar que se trata dunha tarefa na que comezamos a traballar hai xa moitos anos. Así, no noso primeiro manual de estilo, un volume editado no ano 1997 e titulado Criterios lingüísticos, da autoría de Xusto Rodríguez Río, na actualidade responsable da Área de Terminoloxía do Servizo, coa colaboración de Ana Rodiño Domínguez, naquela altura bolseira do Servizo, incluímos un apartado específico titulado “O tratamento dos dous sexos” no que se recollían recomendacións para evitar as marcas de xénero na linguaxe administrativa e que, máis aló da publicación, foron difundidas profusamente en todos os cursos desta lingua de especialidade que organizou o Servizo.

Máis recentemente editamos, conxuntamente coa Oficina de Igualdade de Xénero, o volume Criterios de linguaxe non sexista, da autoría de Manuel Bermúdez Blanco, técnico do Servizo e responsable da Área de Asesoramento, e Alba Cid Fernández, daquela bolseira no noso Servizo, un pequeno volume que leva anos funcionando como un auténtico manual de estilo para orientar e alentar a linguaxe inclusiva nesta institución. Tamén os cursos sobre “Linguaxe non sexista”, impartidos por eles en diversas edicións que gozaron, e aínda gozan tras varios anos, dunha moi boa acollida por parte dos diferentes colectivos que forman a comunidade universitaria.

E así mesmo, noutro terreo, a colaboración con esa mesma Oficina nas diversas edicións do “Concurso de relatos curtos contra a violencia de xénero” como integrantes do xurado dese certame organizado para conmemorar o 25 de novembro, como é sabido Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Por outra parte, na medida das nosas posibilidades, procuramos esforzarnos por facer visibles as mulleres e os homes en paridade de condicións. Quizais recorden unha das campañas máis recentes, Ensinas máis do que cres, coordinada por Isabel Vaquero Quintela, técnica do Servizo e responsable da Área de Dinamización, unha campaña dirixida a pular polo uso do galego na docencia universitaria. Pois ben, o seu soporte gráfico consistía en dous carteis nos que un profesor e tamén unha profesora prestaban a súa imaxe ao lema da campaña. De igual modo, o vídeo que foi difundido na web específica e nas redes sociais, narraba con brevidade como dúas profesoras e un profesor eran modelo de conduta, non só lingüística, para os estudantes. Mostrar que un docente pode ser tanto un home como unha muller pode parecer unha obviedade, un detalle menor, pero estamos persuadidos de que agocha unha  importancia que vai máis aló do evidente, e isto é necesario dicilo con claridade para defendernos de ataques demagóxicos.

A verdade é que a Oficina de Igualdade de Xénero e mais o Servizo de Normalización Lingüística temos en común o feito de perseguirmos obxectivos que con moita frecuencia son vítima de desprezos demagóxicos. Seguro que a todos vostedes, e sobre todo á súa directora, lle resultarán familiares frases que no Servizo oímos con certa frecuencia:

«O que á xente lle preocupa é ter un traballo»

«O importante é a fame no mundo»

«A sanidade para todos si é unha cuestión de primeira magnitude»

«Rematar coas guerras, velaí un obxectivo prioritario»

Ou mesmo:

«O importante é que sexa un bo docente, que máis terá en que lingua dea as clases, que máis terá que integre ou non de xeito explícito as mulleres no seu discurso».

Frases tan frecuentes e tantas veces repetidas que mesmo nós, en ocasións, temos que facer un esforzo para darnos conta de que unha cousa e outra non son incompatibles, non se exclúen, senón que máis ben se complementan.

Porque... a quen lle interesa a normalización dunha lingua como a nosa? A quen lle interesa a visibilización da muller na sociedade habendo tantas outras cousas importantes?

Cómpre difundir con firmeza a mensaxe de que tanto a dignificación desta lingua na que hoxe nos expresamos como as políticas de igualdade non son en absoluto un inconveniente de cara a acadar eses grandes obxectivos aos que seguramente todos aspiramos, senón que constitúen un modo de chegar a eles de mellor maneira, porque tanto a preservación da diversidade lingüística como as políticas de equidade de xénero perseguen un mundo mellor, máis igualitario e diverso, máis rico en definitiva.

E o mundo non será mellor mentres unha metade dos seus habitantes se sinta ocultada, discriminada, violentada pola outra metade; o mundo non será mellor se permitimos que a súa diversidade cultural e lingüística desapareza afogada por unha uniformidade empobrecedora.

Tanto un obxectivo como o outro están, en definitiva, nas nosas mans. Todos e todas somos axentes do cambio: na preservación da lingua galega e na defensa da igualdade de homes e mulleres. Os grandes avances, nestes e en moitos outros eidos, son case sempre froito de pequenos xestos que están ao alcance de calquera, só se necesita tomar conciencia e ter vontade de contribuír, cada quen na medida das súas posibilidades.

A linguaxe inclusiva é máis xusta, pero tamén resulta útil, sobre todo no discurso científico que precisa dunha comunicación inequívoca e rigorosa, útil porque contribúe a reducir ambigüidades e mellora a precisión das mensaxes. É verdade que o fai a custa da economía da linguaxe, pero cremos que os beneficios, en xustiza e claridade, superan con moito os supostos dispendios en tempo, saliva ou tinta.

Temos a certeza de que escribir e expresarse con criterios inclusivos non nos fai peores profesionais, e albergamos a esperanza de que a utilización dunha linguaxe non sexista contribúa a crear un mundo máis xusto, máis igualitario, un mundo no que a violencia de xénero, o acoso psicolóxico ou a presión económica á que están sometidas moitas mulleres queden definitivamente esquecidos. Porque tras os artigos femininos, as duplicacións de termos e mesmo das arrobas hai máis que lingua: é a expresión dun recoñecemento a unha parte fundamental da nosa sociedade, é darlle forma á necesaria visibilidade das mulleres, é unha contribución ao recoñecemento social que merecen.

Unha tarefa, en realidade dúas tarefas, lingua e igualdade, ás que animo a todos e todas as presentes a sumarse.

Moitas grazas"

 




 

Martes, 08 de marzo de 2016