#TEDSaúde: Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego

Seguro que viches algunha vez un vídeo de TED (do inglés, Technology, Entertainment, Design), que é unha organización sen ánimo de lucro dedicada ás "Ideas dignas de difundir". TED é amplamente coñecida polo seu congreso anual (TED Conference) e as súas charlas TED Talks, que cobren un amplo espectro de temas que inclúen ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento e lecer. Desde xuño de 2006, as máis de 1.000 charlas TED están dispoñibles en liña no sitio web de TED (tamén en YouTube e en iTunes) e é posible subtitulalas en diferentes idiomas.

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Enfermaría estréase na programación de actividades, consciente da escaseza de contidos divulgativos relacionados coas ciencias da saúde en galego. E por iso propuxo unha actuación que motivase, entre outros destinatarios, ao alumnado e ao profesorado do centro a contribuír á súa creación, mediante o Concurso TED-Saúde, para a subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego a través dun concurso. 

O concurso distingue dúas modalidades, segundo os destinatarios.

Modalidade A: Membros da comunidade universitaria da USC

Se non tes experiencia na subtitulación de vídeos TED ao galego, debes inscribirte ata o 10 de marzo nun obradoiro de catro horas –gratuíto-, para aprender como funciona a plataforma de tradución e subtitulación e previrte sobre os erros máis frecuentes da tradución inglés-galego. Será o xoves 17 de marzo de 16 a 20 h en Enfermaría. Hai 21 prazas.

Despois dispós dun mes (ata o 17 de abril) para realizares a tradución e subtitulación dun vídeo TED relacionado coas ciencias da saúde segundo as instrucións que se che fornecerán.

Un xurado decidirá cal é, dos vídeos presentados, o de maior calidade, o cal recibirá un premio de 250€ e un diploma honorífico.

Todas as persoas que participen recibirán un diploma da USC de asistencia á actividade por catro horas así como unha constancia da experiencia de tradución e subtitulación.

Modalidade B: Público en xeral

Calquera persoa que sexa membro da comunidade TED con data do 10 de marzo poderá participar neste concurso, para o cal deberás inscribirte enviando un correo electrónico a <snl.concurso.subtitulacion@usc.es> ata o 10 de marzo de 2016, cos teus datos (nome, dni, enderezo postal).

Dispoñerás ata o 17 de abril para realizares a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se che fornecerán por correo electrónico.

Un xurado decidirá cal é, dos vídeos presentados, o de maior calidade, o cal recibirá un premio de 150€ e un diploma honorífico.

Para ambas as modalidades tes aquí toda a información, as bases e a inscrición no concurso-obradoiro.

TEDSaude


 

Martes, 08 de marzo de 2016