Departamentos, profesorado e linguas

Os usos lingüísticos docentes, que inclúen todo tipo de titulacións (grao, 1º e 2º ciclos e másters, co que os datos se refiren a máis de 450 mil horas de clase) tamén varían en función do departamento de que se trate e das categorías de profesorado.

Linguas e departamentos

Entre os 76 departamentos en que se organiza a investigación e a docencia da USC, hai sete que non imparten ningunha hora docente en galego, dos cales seis corresponden á área de Ciencias da Saúde. Dezanove departamentos imparten menos do 10% da súa docencia en galego, a maioría están de Ciencias da Saúde e Ciencias.

Os quince departamentos que utilizan o galego en máis da metade da encarga docente son, fundamentalmente, de ciencias sociais e humanidades, ao que se lle une Análise Matemática.

Ademais de, loxicamente, o Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, hai outros nove departamentos que imparten algunha docencia en inglés; o máis anglófilo, o de Enxeñaría Química, cun 4,65%. Cómpre salientar, por outra banda, que Estomatoloxía, Química Analítica e Química Orgánica son quen de utilizar en maior medida o inglés na súa docencia que o galego.

Como xa dixemos ao debullar os datos sobre titulacións, o uso dos restantes idiomas (alemán, catalán, francés, italiano, portugués) limítase aos departamentos encargados da investigación e ensino de cadansúas linguas.

Linguas e PDI

Se debullamos os usos lingüísticos por categorías do prefesorado, o profesorado titular, que supón case o 43,9% do PDI no ano 2015, é a categoría que en conxunto asume a maior encarga docente (36,8%), da cal imparte en galego o 26,48% das horas. A seguinte categoría é a de catedráticos/as, case o 16,15% do PDI, que usa o galego no 20,95% das súas horas de aulas (o 11,8% do total).

Seguen os profesores/as contratados/as doutores/as, que supoñen o 11,94% dos efectivos do PDI e imparten o 9,9% da docencia, cun uso do galego do 33,23%.

O profesorado interino, o 5,92% do PDI, opta polo galego no case no 30% das horas docentes se se trata de interinaxes por vacante, e nun 47%, nas interinaxes por substitución.

Finalmente, o profesorado asociado LOU (pouco máis do 5% do PDI) utiliza o galego no 21,11% da súa docencia e o profesorado asociado de Ciencias da Saúde (10,4% do PDI), só un 2,96%, co agravante de que imparten unha considerable carga docente, o 20,8% do total. Lembremos que, maioritariamente, este profesorado imparte docencia clínica, no CHUS, a grupos moi reducidos de estudantes.

As restantes categorías do PDI (profesorado de escola universitaria, axudantes doutores, colaboradores, lectores), suman menos do 6% e as súas ratios de galego na docencia van dende o 0% dos colaboradores doutores ata o 56,17% dos axudantes doutores.

A finais de 2015 a USC contaba ademais con 228 persoas bolseiras e contratadas, tanto pre- como posdoutorais, e investigadores/as, que imparten algo máis de 7000 horas de docencia, das cales se desenvolven en galego o 21%.

Ademais do profesorado lector, o máis anglófilo serían os investigadores Marie Curie (33,9% e as persoas que gozan dunha bolsa FPU (21,76%).

Mércores, 27 de xaneiro de 2016