Evolución dos usos lingüísticos docentes

Nos cursos 2008-2009 e 2009-2010 produciuse unha lixeira converxencia entre castelán e galego na docencia, mais nos últimos cursos a tendencia é inversa: as diferenzas de uso agrándanse a prol do castelán. Nos mestrados as dúas linguas seguen presentando usos máis equilibrados. A docencia noutros idiomas non mellora.

Evolución nos graos

O uso do galego nos graos neste curso académico é do 19,53%, doce puntos e medio menos que en 2009-2010 (32,11%), logo de seis cursos de caída ininterrompida, como se pode apreciar na pendente suave pero continua que representa o galego na gráfica inferior. O uso do inglés e doutras linguas continúa estancado e limítase o ensino das linguas nas titulacións de Filoloxía e noutras como materia técnica, e non tanto polo uso vehicular no ensino. A lingua que acapara cada vez máis docencia a nivel global é o castelán, que sobe case 13 puntos porcentuais.

evolucion_graosSe debullamos os datos por titulacións de grao, a situación semella bastante estable. As cores, que clasifican as titulacións segundo tramos de uso do galego, permiten percibir doadamente as mudanzas, en xeral, congruentes e comprensibles.

Só dúas titulacións non imparten nin unha hora de clase en galego: o Grao en Lingua e Literatura Inglesas e a Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, que apenas ten docencia por mor da reordenación de titulacións nesta área.

As titulacións relacionadas con Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría), lideran sempre as baixas posicións na táboa ano tras ano.

Precisamente, os datos lingüísticos escoran cara ao castelán por mor destas titulacións ligadas á área de Ciencias da Saúde, as de maior carga docente, logo de completaren a súa implantación como graos. Os seus usos lingüísticos na docencia clínica (os cales representan o 30% das horas docentes de toda a Universidade) son o 2,77% e iso grazas á Facultade de Veterinaria, que utiliza máis o galego que o resto dos centros, como se pode apreciar na seguinte táboa.

clinicos

 

 

 

 

 

Cómpre subliñar que só as horas docentes de Medicina representan case a cuarta parte do total da USC (24%), a moitísima distancia de calquera outro (o segundo é CC. da Educación, co 6%) e que o uso do galego en Medicina é do 2,46% no curso actual. A implantación deste grao desde o primeiro curso en 2010-2011 ata sexto no 2014-2015, revela unha mingua do uso do galego (xa baixo de entrada, co 6%) a medida que os créditos clínicos gañan peso ata ese actual 2,46%.

Evolución nos mestrados

Nos mestrados o uso das dúas linguas oficiais segue sendo algo máis equilibrado, arredor dun 60-35. Na evolución sorprende o dato do curso 2011-2012, que se debe a un erro na recollida de horas do Máster de Formación do Profesorado, ao que se lle atribúen máis de 45 mil sobre un total de case 86 mil horas de mestrados. Non se aprecian variacións no uso do inglés e doutras linguas nos mestrados, o cal se pode considerar residual, sempre próximo ao 2%.

evolucion_mestradosSe debullamos a evolución por titulacións de mestrado, tamén se percibe certa estabilidade, malia algúns datos incoherentes, especialmente referidos ao pasado curso, que poden deberse a erros á hora de cubrir o POD na aplicación informática XesCampus.

 

 

 

Evolución por departamentos

Por departamentos, o máis salientable é a progresiva diminución dos departamentos con absoluta falta de docencia en galego, aínda con altibaixos: dende os 19 do curso 2003-2004 aos sete actuais. Os departamentos de Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía, e Obstetricia e Xinecoloxía revélanse como os máis teimudos a este respecto: o galego non figurou en ningunha das súas horas docentes en once cursos dos trece analizados. Ségueno moi de preto Ciencias Morfolóxicas (dez de trece), Cirurxía e Estomatoloxía (nove de trece cursos).

Tamén é destacable a estabilidade, en xeral e a congruencia dos datos, agás algúns pequenos saltos que poden corresponder a erros puntuais (o 95% de galego en Química Orgánica no curso 2005-2006) ou a evolucións e cambios puntuais nos usos do profesorado.

Os datos dos usos lingüísticos docentes na USC

A USC conta con datos sobre o uso dos idiomas na formación universitaria inicial (licenciaturas e diplomaturas e, agora, graos) desde o curso 2003-2004, o que nos permite ofrecer unha panorámica da súa evolución nestes trece cursos académicos bastante razoable. A información baséase  nas planificacións docentes dos departamentos, que se trasladan á aplicación de xestión académica XesCampus e logo se reflicten como datos públicos nas páxinas web das diversas titulacións, nas informacións relativas a cada materia e a cada grupo: profesorado, horario, contidos, programas, competencias, bibliografía, idiomas... Dende o curso 2009-2010, en que se implantaron os primeiros máster adaptados ao EEES, tamén contamos con datos sobre os usos lingüísticos deste tipo de titulacións superiores.

Os datos semellan cada curso máis fiables, grazas ás precaucións que se foron adoptando e que impiden que, por exemplo, se escolla unha lingua non oficial da USC na aplicación XesCampus se non está autorizada oficialmente a impartición da materia nese idioma. Por suposto, na introdución de información pode haber erros máis ou menos involuntarios, que explican algúns datos rechamantes pero que non mudan as grandes tendencias; pensemos que as porcentaxes están calculadas sobre as máis de 450 mil horas de docencia que se imparten na USC.


 

Mércores, 27 de xaneiro de 2016