O Plan de financiamento universitario e os usos lingüísticos

O Consello da Xunta de Galicia do 29 de outubro de 2015 aprobou o Plan galego de financiamento universitario 2016-2020. E o 7 de xaneiro o Goberno galego e o tres universidades formalizaron os tres convenios específicos de repartición de fondos do Plan, que ascenden este ano a 392 millóns de euros para as tres universidades no marco dun monto total para estes catro anos de 2.480 millóns de euros. O documento considera dúas clases de financiamento: o estrutural (o 66,6% do total) e por resultados (o 33,4%), no cal figura o fomento da  I+D+i e a transferencia.

As accións de mellora da calidade forman parte do subfondo de Fomento da I+D+i e a transferencia, e o seu obxectivo é incentivar as universidades para que poñan en marcha accións que permitan acadar obxectivos considerados estratéxicos pola Xunta de Galicia. O Plan recolle entre eles (páx. 133-134), especificamente, dous obxectivos ligados aos usos lingüísticos docentes: a impartición de graos en inglés e a impartición dun mínimo do 50% das materias dun grao en galego.

O Plan vincula “a cada un destes indicadores unha contía de ata un millón de euros no exercicio 2016 que se repartirá solo no caso de existir algunha proposta operativa relacionada co indicador concreto. En caso contrario o crédito vinculado a ese/s indicador/es non será distribuída. O crédito vinculado a un indicador poderase incrementar no seguinte exercicio cando o número e a calidade das iniciativas presentadas así o aconselle.

Anualmente o departamento competente en materia de universidades, tendo en conta as prioridades do goberno galego neste eido, definirá as accións que se consideren de interese para a mellora da calidade do SUG. Deste xeito, as universidades poderán presentar propostas de accións concretas que serán analizadas pola administración autonómica co obxecto de determinar o seu encaixe nos obxectivos e liñas marcados e determinar o reparto destes créditos.”

A este respecto, cómpre lembrar que a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que axunta as tres universidades galegas e a Secretaría Xeral de PL da Xunta de Galicia, aprobou o pasado 22 de xuño de 2015 a proposta de creación de titulacións con itinerarios lingüísticos que incentivaría o uso instrumental de varios idiomas na docencia, tanto por parte do alumnado como por parte do profesorado. Está, logo, por ver como avalía a Xunta esta proposta das universidades de emprender accións concretas para avanzar nos dous obxectivos lingüísticos marcados pola Xunta de Galicia para a docencia e como reparte os anteditos créditos.
 

Mércores, 27 de xaneiro de 2016