Galego para alumnado de fóra de Galicia

O Centro de Linguas Modernas da USC ten aberto o prazo, ata o mércores 10 de febreiro, para matricularse a través de internet en todos os cursos do segundo semestre, incluído o curso de lingua galega para non galegofalantes, dirixidos a todas as persoas que veñen estudar ou traballar á USC dende fóra de Galicia.  Esta actividade formativa organízase dende 1996 e dende aquela máis de 1500 estudantes procedentes doutras comunidades autónomas (sobre todo, cataláns e vascos), así como de moitas outras partes do mundo (Italia, Alemaña, Estados Unidos, Rusia, Polonia, Austria ou Francia) levan aprendido os rudimentos do noso idioma, logo de se decataren de que aquí se fala galego, dentro e fóra da Universidade: entre os novos amigos e compañeiros, nas tendas, nos bares, na tele... ou nas aulas. É moi conveniente afacerse a el, comprendelo (o que resulta moi doado coñecendo algunha outra lingua románica) e mesmo chapurrealo un pouco.

Os cursos que se ofrecen son dous, en Santiago e Lugo, con cadansúas 20 prazas. Responden ao nivel A1.1 do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas. Trátase, pois, de cursos do nivel inicial, que non requiren de ningunha proba previa. Constan de 40 horas presenciais e dez de traballo autónomo tutelado, e permiten un número máximo de 8 horas de falta de asistencia.

O curso de Santiago comeza o mércores 10 de febreiro e remata o 18 de maio. Desenvolverase os luns e os mércores de 10:30 a 12 na Aula de Linguas A situada na Facultade de Filosofía.  O curso de Lugo, pola súa banda, comeza o xoves 11 de febreiro e remata o 24 de maio. Desenvolverase os martes e os xoves de 19:30 a 21:00 h na Aula C da Facultade de Humanidades.

Outras actividades para aprender galego

O CLM dispón, ademais, da posibilidade de aprender galego, dun xeito máis informal, mediante os támdem lingüísticos, que facilita o intercambio cultural e lingüístico para a integración na vida universitaria santiaguesa dos alumnos que chegan ás nosas aulas (incoming), á vez que supón unha oportunidade de encontro dos estudantes da USC que pretenden estudar noutra universidade estranxeira (outgoing), e os cafés de linguas, que no caso do galego é venres de 19:30 a 20:30 na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

Así mesmo cómpre lembrar que a Área de Filoloxía Catalá da USC en colaboración co CLM, desenvolve entre novembro e maio PARELLAES, un programa académico de intercambio lingüístico e cultural catalán-galego/galego-catalán entre alumnos da universidade que falen galego ou catalán e desexen aprender, practicar ou mellorar a outra lingua, o cal está recoñecido con 1 crédito optativo para todos os graos e titulacións da USC.

Mércores, 27 de xaneiro de 2016