Buscar en galego en Europeana. Botas unha man?

Gustaríache podermos facer buscas en galego en Europeana, a xigantesca biblioteca dixital europea? Pois está na nosa man conseguilo se contribuímos cun chisco de traballo!

Europeana, por se aínda non a coñeces, é a gran biblioteca dixital europea, de acceso libre, que reúne máis de 45 millóns de documentos dixitalizados de máis de 2300 institucións culturais (bibliotecas, arquivos, galerías e museos) dos 28 Estados membros da Unión Europea. Os  fondos inclúen  libros, xornais, revistas, cartas, diarios, documentos de arquivo, cadros, pinturas, mapas, debuxos, fotografías, música, gravacións de tradición oral, emisións de radio, películas, programas televisivos, etc. en 45 idiomas.

Con semellante cantidade de documentos de todo tipo, as buscas son imprescindibles. Precisametne, o obxectivo máis inmediato que se propón Europeana é mellorar a calidade das procuras e que, deste xeito, todos poidamos atopar o máis doadamente posible o que buscamos. E un dos aspectos importantes que concirnen ás buscas refírese ás linguas, tanto nos elementos de procura como nos metadatos, é dicir, os datos que describen eses documentos e que serven para localizalos.
Un dos obxectivos que se propón Europeana é que todas as persoas que usen esta biblioteca europea poidan facer buscas nas súas propias linguas, aproveitando unha das vantaxes destes inmensos escaparates dixitais como son a súa capacidade multilingüe. Arestora, as coleccións de Europeana teñen metadatos en mais de trinta linguas europeas; no futuro todos os usuarios e usarias europeos deberían poder facer as súas buscas nas linguas de seu.

Para este inxente traballo, Europeana propón un traballo colaborativo: precisan falantes de toda Europa que introduzan termos de busca nas súas línguas nais, para así logo poder avaliar a pertinencia deses termos.

As galegas e galegos temos aquí unha dobre oportunidade de introducir a nosa lingua: por unha banda, ofrecendo a nosa propia versión da lapela de buscas xerais de Europeana, onde aínda non aparece o galego. Animámonos?

Para participar (resumimos o artigo no seu blog dun xeito moi básico):

  1. Hai que rexistrarse e facer unha conta en Europeana.
  2. No seguinte paso, introduciremos as nosas buscas nun formulario, onde especificaremos a lingua na que se fixo e os comentarios que vexamos pertinentes para valorar os resultados de busca obtidos, nunha escala que irá do 1 ao 5.
  3. O equipo de Europeana almacenará as buscas e contra febreiro do 2016 contactarán de novo para que os participantes poidan avaliar as melloras feitas tendo en conta as súas suxestións.

Animádevos a mellorar dun xeito cooperativo un acervo patrimonial que é de todos os europeos e europeas; tamén de todas as galegas e galegos. E grazas ao persoal da Biblioteca da USC por estar atentento!
 

Venres, 18 de decembro de 2015