As propostas das comisións de normalización para 2016

Como todos os anos, o Servizo de Normalización Lingüística da USC convida ás comisións de normalización lingüística dos centros para que lle presenten propostas de actuacións para desenvolver ao longo do vindeiro ano 2016. Para isto ábrese un prazo ata o 20 de decembro de 2015.

O obxectivo desta invitación é, por unha banda, estimular a acción normalizadora nos centros por parte destas comisións e, por outra banda, apoiar o traballo das comisións de normalización lingüística con medios técnicos, humanos e económicos. O SNL valorará as actuacións segundo os seguintes criterios:

  • que as actuacións se insiran nunha planificación
  • impacto das actuacións en relación coa súa organización e medios necesarios
  • a responsabilidade demostrada pola CNL á hora de executar actuacións en anos anteriores
  • que sexan compartidas ou se poidan partillar entre varios centros

O SNL ofrece o seu apoio técnico para pensar as posibles actuacións e para levalas adiante, e tamén a posibilidade de incluílas no orzamento que a USC destine á normalización lingüística ou de axudar a buscar outras vías de financiamento.

As comisións de normalización lingüística son comisións delegadas das xuntas de facultade que, segundo o Plan de Normalización Lingüística, son parte da organización xeral da USC en materia de política lingüística. Deben encargarse da aplicación en cada centro, segundo a realidade propia de cada un, do Plan de Normalización Lingüística; de presentar propostas á xunta de centro e aos consellos de departamento, e de canalizar suxestións á CNL do Claustro. Han ser, alén diso, o ámbito directo de participación dos tres colectivos da Universidade no desenvolvemento do Plan.

O labor que están a realizar as cnl, que se pode consultar aquí, resulta imprescindible para podemos falar do proceso de normalización lingüística na USC durante os últimos anos.







 

Venres, 18 de decembro de 2015