Novembro, o mes dos premios

Novembro adoita ser o mes en que as ansias dos moitos estudantes participantes nos concursos atopan o seu final. Son numerosos os certames, “vellos” e novos, que se resolven neste mes: os premios á calidade lingüística, os Luísa Villalta, Somos a curta, Radiodramas, Mazarelos...

XI Premios á calidade lingüística

Quedaba chegar a novembro para saber quen gañara os XI Premios á calidade lingüística nas modalidades de TFG/PFC e TFM, pois os da modalidade de traballos académicos xa se resolveran en setembro. Estes Premios outorgan un único galardón por modalidade por cada unha das cinco áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades).

Os 65 traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC) presentados optaban a un dos cinco premios de 300 euros e diploma segundo a clasificación da titulación. Pola súa banda, eran 41 os traballos de fin de mestrado (TFM), que podían recibir ata 500 euros. En total, xunto cos traballos académicos repartíase un monto total de 4750 euros en premios.

O xurado quixo destacar o alto nivel de calidade dos traballos participantes, que dificultou grandemente a súa escolma. De feito, en varios casos o premio concedeuse ex-aequo, tal e como pode comprobarse na acta.

Este certame busca fomentar a cultura de calidade entre o alumnado ligada ao uso do galego. A presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal –o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc.-, é unha habilidade comunicativa que calquera universitario/a debería posuír.

XII Premios “Luísa Villalta”

Unha campaña dirixida a visibilizar o uso do galego entre a mocidade universitaria, titulada Sae do armario, presentada pola Asociación de Estudantes por unha Economía Galega “Roi Xordo” da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, e outra, Galieditatón: Xornadas universitarias de formación e edición, do estudante da USC Martín Vázquez Fernández, foron as gañadoras ex-aequo dos XII Premios “Luísa Villalta” na categoría de campañas, mentres que o premio á modalidade de ideas normalizadoras quedou deserto.

Os premios “Luísa Villalta”, organizados polos tres servizos de normalización lingüística das universidades galegas, teñen por obxectivo promover a reflexión da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua, fomentar a investigación sobre a planificación lingüística e apoiar o desenvolvemento de iniciativas innovadoras.

IV “Somos a curta”

Desta volta só foron tres as curtas proposta ao concurso "Somos a curta", polo que a comisión de normalización lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación decidiu non organizar a divertida gala coa que normalmente se exhiben as fitas presentadas e se outorga o premio do público. Os vídeos gañadores poden verse a través do perfil de facebook da CNL de Ciencias da Comunicación e os premios entregáronse nunha pequena cerimonia o pasado 17 de novembro no Decanato da Facultade.

O xurado decidiu outorgarlle o primeiro premio (400 euros e diploma honorífico) á curta Laranxa e media e o segundo premio (200 euros e diploma honorífico) a Quérote tal e como son.

Os obxectivos con que a CNL de Ciencias da convoca este premio son: Promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego, premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e gozar dunha xornada de humor na nosa lingua.

I Premios de radiodramas en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación convocou este ano a primeira edición dos Premios de Radiodramas en galego, dirixidos a premiar o mellor guión radiofónico dramático en galego presentada por calquera alumno ou grupo de alumnos da USC, estudantes das titulacións de Comunicación Audiovisual impartidas nas restantes universidades galegas así como o das titulacións das escolas oficiais de Imaxe e Son.

Os obxectivos con que convocou este premio son contribuír á creación dun corpus dramático galego no formato do teatro radiofónico, promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos estudantes  e premiar os dotes artísticos, lingüísticos e técnicos dos estudantes.

Das tres propostas presentadas, o xurado resolveu outorgarlle a Ficticia o primeiro premio (500 euros e diploma) e a Insonme o segundo, dotado con 400 euros e diploma.

I Concurso Literario "Mazarelos"

Á primeira edición do Concurso Literario "Mazarelos", organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, presentáronse vinte traballos de todos os xenéros literarios, mais só tres foron merecedores dos galardóns. O primeiro, dotado con 500 euros, correspondeulle a  Miguel Cavadas Docampo polo relato Os dous de cando en vez; polo segundo premio Paula Antía Rey Baliña, que presentara o poema Ántrax recibirá 250 euros e o terceiro premio, de 150 euros, recaeu no poema O letargo da lavanda da estudante Laura Camino Plaza.

O Concurso Literario "Mazarelos" diríxese a fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura.

Venres, 18 de decembro de 2015