"Escolle en galego": facilitar a oferta para estimular a demanda

Como se pode promover o uso do galego nas actividades docentes nun centro onde se emprega moi pouco, cuxo profesorado amosa en xeral pouca implicación coas cuestións lingüísticas e onde a metade do alumnado é de fóra de Galicia?

Esta pregunta, e o círculo vicioso que provocaba ("...non se ofrece porque non se pide e non se pide porque non se ofrece...") sobrevoaban a comezos de 2013 as reunións da Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Veterinaria. Nelas chegouse á conclusión de que cumpría intervir simultaneamente sobre a oferta e a demanda de galego, pero que esa intervención debía ser "feble" e non implicar unha substitución directa do español polo galego, tendo en conta as características antes apuntadas do profesorado e do alumnado.

Partindo deses principios, a CNL e o Servizo de Normalización (SNL) deseñamos e puxemos en marcha ao longo do curso 2013-14 Escolle en galego, unha iniciativa que intenta aumentar a cantidade de materiais docentes en galego dispoñibles para o alumnado, e fomentar a utilización efectiva deses materiais. Isto concretouse en dúas actuacións:

  1. Establécense contactos co profesorado que imparte a súa docencia en castelán para propoñerlle que ofreza versións bilingües dos materiais que comparte co seu alumnado (presentacións, documentos de texto...). O SNL encárgase da tradución dos orixinais desde o español sempre que o/a docente se comprometa a incluír os documentos en galego no Campus Virtual, e a divulgar nas aulas a súa existencia.
  2. O alumnado pode descargar libremente as versións galegas deses materiais docentes, pero se opta por imprimilos ou fotocopialos paga só a metade do seu custo real, grazas a un acordo existente entre un centro de reprografía e o SNL polo cal este Servizo asume a outra metade do custo.

Con elas intentábase:

  • Aumentar a oferta de materiais académicos en galego, que na Facultade de Veterinaria era irrisoria.
  • Promover a súa utilización pola vía do estímulo económico.
  • Visibilizar a existencia dunha demanda real para eses materiais en galego.
  • Comezar a introducir –aínda que fose dunha forma bastante artificial– o galego na práctica docente dalgúns profesores. A partir deste primeiro paso poden intentar darse nun futuro outros máis "valentes".

Na actualidade, tres cursos despois, Escolle en galego segue en marcha na Fac. de Veterinaria1 e neste tempo conseguiu implicar a case 30 docentes que están ofrecendo versións en galego do material que poñen ao dispor do seu alumnado, o cal supón case 300 documentos entre presentacións dixitais e documentos textuais.

Máis difícil é saber con exactitude en que medida o estudantado está usando esa documentación. O número de páxinas que se imprimen ou fotocopian pode servir como un indicador indirecto, pero cómpre ter en conta que cada vez son máis as persoas que traballan directamente coas versións electrónicas dos materiais. Por iso, para poder medir a repercusión da campaña sería moito máis efectivo poder contar o número de descargas dos documentos en galego, pero a plataforma tecnolóxica sobre a que funciona o Campus virtual da USC non permite facelo neste momento.

A través dun sistema indirecto conseguimos recontar as descargas de documentos para un par de materias que tomamos como exemplo, e os datos resultantes amosaban que as versións en galego sumaban entre un 10 e un 15 % do total. Sendo unha cantidade pequena, non é desprezable se lembramos que se trata de materias impartidas en castelán e que a metade do alumnado procede de fóra de Galicia.

 

------------------------

1. No curso actual, esta mesma actuación acaba de poñerse en marcha na Fac. de Ciencias, tamén no campus de Lugo.

Venres, 18 de decembro de 2015