Entrevista á nova asociación estudantil “Por unha USC en galego”

A principios do verán nacía unha nova asociación estudantil, “Por unha USC en galego”, co obxectivo de “que se aseguren os dereitos lingüísticos de todo o alumnado que desexe vivir en galego na USC”. Entrevistamos a tres dos estudantes que a integran, para coñecer un pouco mellor as súas razóns e os seus obxectivos.

Que é “Por unha USC en galego”? Como xurdiu esta asociación?


Somos un grupo de estudantes que queremos cambiar a situación do galego da USC. Nalgúns centros non se imparte unha clase en galego, non se ofrecen en case ningunha materia os exames en galego e semella que a ninguén lle importa. A nós esta situación non nos parece normal, e por iso decidimos que cómpre facermos algo, deixarmos de lado a pasividade, non nos resignar. Non pretendemos imporlles o galego a aqueles que, libremente, deciden vivir en castelán, mais tampouco imos permitir que a nós nos impoñan a lingua na que temos que vivir a nosa etapa universitaria, e máis cando o galego non só é lingua oficial, senón lingua propia da USC.

Mais démonos conta de que non podiamos afrontalos de xeito illado, polo que nos xuntamos un pequeno grupiño a principios do verán e agora  somos uns quince estudantes de diversos centros de Santiago: Dereito, Farmacia, Medicina, Económicas, Física, Relacións Laborais... É evidente que algúns centros teñen unha situación moito peor en relación ao galego (por exemplo, Medicina, Enfermaría, Odontoloxía, Farmacia...) , mais o noso obxectivo é ter representantes en todas as facultades, porque en moi poucos centros o reparto dos usos lingüísticos é sequera equitativo. Ademais, este é un problema de todas e todos. De feito, temos algúns compañeiros que estudan Filoloxía Galega, polo que non sofren a situación que viven estudantes doutras carreiras, mais si son conscientes de que este é un problema grave que precisa dunha posición firme, e de que a creación dunha plataforma que defendera os dereitos lingüísticos de quen desexa vivir en galego na USC era unha necesidade.

As asociacións estudantís non prestan atención a esta situación? Por que unha asociación específica?

Aínda que respectamos moito o traballo das organizacións de estudantes, na nosa opinión o eido da lingua non está ben cuberto; supoñemos que é complicado atender tantos aspectos diferentes  da vida universitaria. Hai preocupación pola situación da lingua en moitas das asociacións estudantís, mais non acaba de haber o empuxe que nós cremos necesario. Por iso pensamos que cumpría un colectivo estudantil centrado exclusivamente na cuestión lingüística.

Quen pode participar?

Calquera. O que lles pedimos ás persoas que queiran participar é que teñan compromiso, capacidade para involucrarse. Evidentemente, todas estamos estudando, e somos conscientes de que temos que compaxinar as nosas tarefas co esforzo que supón participar deste tipo de iniciativas... Con diferentes graos á hora de implicarse, todo o mundo é benvido. Quen teña interese en traballar connosco por mellorar a situación do galego na USC pode poñerse en contacto connosco a través do noso perfil de facebook (https://www.facebook.com/porunhauscengalego) ou do noso correo electrónico (porunhauscengalego@hotmail.com).

Cales foron as vosas  primeiras actuacións?

Queremos centrarnos en cousas concretas para avanzar pouco a pouco. O primeiro foi crear a páxina do facebook e dala a coñecer. Nela publicamos as gráficas de usos lingüísticos na docencia, porque nos pareceron moi preocupantes e quixemos utilizar algo moi visual, que entre polos ollos. Sabemos que o profesorado ten liberdade para escoller a lingua das súas clases, pero temos que chamar a atención para sensibilizar e concienciar.

A continuación puxémonos en contacto co Servizo de Normalización Lingüística, co obxectivo de  formarnos e informarnos, para o cal vai organizar en novembro uns seminarios de dinamización lingüística para o alumnado que estea interesado. Iso daranos unha mellor comprensión do que pasa na USC a nivel de linguas e das ferramentas que podemos utilizar.

Tamén nos reunimos coa vicerreitora responsable da política lingüística da USC para expoñerlle o que acontece cos exames, especialmente nalgúns centros onde a presenza do galego é practicamente nula. O principal obxectivo que nos marcamos a curto prazo é que os exames deixen de ser por defecto unicamente en castelán e estean tamén en galego en todas as facultades. Agora mesmo, se queres un exame en galego, tes que pedilo explicitamente e agardar a que o profesor ou o coordinador da materia asuma que tes ese dereito e que cho facilite, cousa que non sempre se consegue.
Con isto non dicimos que sexa o profesorado quen teña traducir o exame; será deber da USC decidir como garantir ese dereito, como se vai facer. Garantir os dereitos do profesorado non ten por que supoñer conculcar os nosos.

Por outra banda, cremos necesario contar cun sistema que lles permita aos profesores coñecer con antelación cantas persoas van querer facer o exame en cada unha das linguas oficiais, e non atopar problemas de última hora. E todo isto sabendo que o alumnado tende a converxer coa lingua do docente (no 75% dos casos, o castelán), polo que colle os apuntamentos e os estuda nese idioma e, xa que logo, tamén vai querer facer o exame o castelán. Pero nós, que nos molestamos en facer os nosos apuntamentos en galego e estudalos, tamén temos o noso dereito, e se non o esiximos, ímolo perder.

Que lle diriades ao alumnado galegofalante que chega en 1º curso e se acovarda cando todo o seu profesorado e  boa parte dos seus compañeiros só fala en castelán?

A presión é grande, porque chegas a un sitio novo, con compañeiros novos, profesorado distinto... e para moitos asimilarse lingüisticamente é un xeito de integrarse. Que o profesorado imparta as clases en castelán ou que parte dos teus compañeiros e compañeiras falen nesa lingua non implica que nós teñamos que cambiar de rexistro lingüístico pois seguro que nos entenden igual en galego ca en castelán. Os profes ou os compañeiros vante aceptar exactamente igual, fales a lingua que fales. Tes que decidir ti cal vai ser o teu comportamento lingüístico, e facelo sen sentirte condicionado por unha presión que é máis subxectiva ca real. Dicímolo por experiencia propia. Hai persoas que son as únicas galegofalantes da clase e aí están. Tamén hai persoas castelanfalantes que chegan á USC e vena como a súa oportunidade para poder falar galego; iso vai en cada un. Por suposto, nós dámoslle os parabéns a estes últimos e animamos aos primeiros a seguiren empregando o galego abstraéndose desa presión social que seguramente sintan.

Ademais, moitas persoas non saben que poden estudar en galego, facer preguntas na clase, responder exames ou facer traballos na nosa lingua, independentemente da do profesor.  E deste xeito non podemos sequera intentar facer cumprir os nosos dereitos.

Coñecedes as comisións de normalización lingüística dos centros?

Si, sabemos da súa existencia, ben porque algúns estudamos en facultades nas que as hai e funcionan, ou ben por outras persoas, dado que nalgunhas non existen ou, polo menos, non sabemos que realizaran ningunha acción, cando nosoutros somos persoas interesadas neste tema e que tratamos de estar informadas.

Sabemos que nalgunhas facultades se implican bastante e crean materiais terminolóxicos de diversas materias que poden resultar útiles ao alumnado.

Pensamos que complementarnos co labor que lles corresponde realizar ás comisións de normalización sería o idóneo.

Tendo en conta cal é a situación do galego na USC, onde é lingua propia, que vos parecería o fomento do inglés como lingua docente, baseado en razóns de prestixio internacional?

Que o inglés resulte unha lingua de prestixio universitario débese a que o 90% das universidades máis prestixiosas do mundo se localizan en Estados Unidos e Inglaterra, e loxicamente ensinan e investigan en inglés; é a súa lingua, a súa cultura e identidade.

Nós pensamos que o prestixio non depende da lingua que se empregue, senón da capacidade para acadar a excelencia, o máis alto nivel na investigación  ou na formación dos mellores profesionais.
De todos os xeitos, non cuestionamos a importancia de manexar fluidamente o inglés nin que se teña como obxectivo que a universidade poida formar graduados políglotas. Mais iso non debe servir de escusa para non abordar a situación diglósica na que vive a sociedade galega, tamén no ámbito universitario. Unha cousa non quita a outra.

O que non pode ser é que a esta universidade cheguen alumnos de Andalucía ou de Polonia, por exemplo, pensando que  aquí só se fala en castelán. Algo se está facendo mal, non lles chega suficiente información antes de viren.

Na Universidade de Valencia, por exemplo, a información sobre en que linguas se impartía unha materia está ben á vista no momento de matricularse nas materias, ofrecen alternativas e así pódese elixir. Cando vas a outras universidades tes a seguridade do que vas atopar en relación ás linguas de docencia, mesmo a nivel de máster. O alumnado que quere vir aquí necesita información veraz e alternativas.

Os idiomas enriquecen. Deberiamos estar orgullosos de sabermos galego e castelán porque iso nos abre a porta -e rapidamente- a outras linguas románicas: portugués, italiano...  E non por iso temos que renunciar ao noso idioma. Cantos máis idiomas coñezamos, mellor.

Mércores, 28 de outubro de 2015