Polo dereito á ciencia en galego

O vindeiro 4 de novembro celebrarase por cuarta vez na USC o “Día da ciencia en galego” con diversas actividades, mediante as cales se reivindica o dereito a unha formación científica na nosa lingua en todos os niveis educativos así como maiores posibilidades de uso no terreo da investigación e da divulgación.

Como en 2015 se celebra o Ano Internacional da Luz e o Ano Internacional dos Solos, escolleuse como persoeiros a quen lles dedicar as celebracións a nivel galego, os científicos galegos Carlos Gómez-Reino Carnota, profesor da Facultade de Física, e Isidro Parga Pondal, que é universalmente considerado como símbolo do científico galego.

Actividades en Lugo

O programa de actividades comeza o propio mércores 4 cunha ruta xeolóxica, "A historia que contan as pedras que pisas", un paseo polo centro de Lugo para descubrir todo o que se pode aprender sobre o noso pasado fixándonos nas pedras que nos rodean polo chan, nas paredes, na Muralla... Sairá ás 16:30 horas no miradoiro do Parque Rosalía de Castro e rematará arredor das 19 h. A asistencia é libre.

Un pouco máis tarde, ás 19:30 h, haberá dúas conferencias arredor da figura de Parga Pondal, como cidadán e como científico, a cargo de Verónica Martínez Delgado, profesora e investigadora, que falará sobre a súa faceta cívica en "Isidro Parga Pondal e a súa comunidade" e Francisco J. Leonardo Docanto, que comentará o seu labor científico en "Isidro Parga Pondal, doutor en Ciencias". Ambas serán na Casa do Saber.

E o sábado 7 de novembro terá lugar o Wikimaratón do Día da Ciencia en Galego.  Por segundo ano consecutivo a Biblioteca Intercentros vai acoller este evento que xuntará persoas interesadas en ampliar e mellorar os contidos da Galipedia vinculados a científicos galegos, a algunha das temáticas ás que se dedica este Día en 2015 (o solo) e a disciplinas científicas especialmente relevantes no Campus de Lugo (a veterinaria). Aquí atoparás máis información e tamén poderás inscribirte para participares presencialmente ou en liña.

En Santiago

O persoal da Biblioteca Xeral de Santiago de Compostela elaborou un centro de interese sobre os dous persoeiros a que se lles dedica o Día da Ciencia en Galego. "Isidro Parga Pondal e Carlos Gómez-Reino Carnota na bUSC" recolle unha escolma da bibliografía en pdf que se pode atopar sobre o ilustre xeólogo e o profesor de Física na nosa biblioteca, en cuxo web estará dispoñible.

O Museo de Historia Natural da USC tamén se une á celebración do Día da Ciencia en Galego centrándose na figura do xeólogo que tantas coleccións lle doou. “Parga Pondal no Museo de Historia Natural, o pai da xeoloxía en Galicia” é o título de dous obradoiros gratuítos (mais que requiren inscrición previa) que se desenvolverán o sábado 7 de novembro. O primeiro diríxese aos nenos/as de 6 a 12 anos en horario de mañá (11-13 h), que visitarán o Museo a través das coleccións nas que Parga traballou e realizarán actividades a seu redor coas que poderán comezar a súa “Colección de pedras de Galicia” como fixo Parga no seu tempo e coñecer un pouco máis da nosa xeoloxía.

O segundo dos obradoiros diríxese a adultos e desenvolverase á tarde (17-19 h). Nel tamén se fará unha visita ao Museo a través das coleccións nas que Parga traballou e darase a coñecer a súa vida, a súa obra científica e a súa vinculación a Universidade e ao Museo.

 

Martes, 27 de outubro de 2015