Novo obradoiro de elaboración de TFG e TFM

Queres iniciar o teu TFG ou TFM da mellor maneira posible? Se pensas facelo en galego, o Obradoiro de elaboración de TFG e TFM, que ten recoñecido 1 ECTS para todas as titulacións e que se desenvolverá en Xeografía e Historia, xa ten aberta a matrícula ata o día 30 de outubro.

Cando os alumnos e alumnas vos poñedes a escribir os traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado, enfrontádesvos a numerosas dúbidas. As referidas á metodoloxía ou máis propiamente de contido, loxicamente, deberán ser resolvidas ou orientadas polo seu titor ou titora. Para axudalos a resolver dúbidas sobre como estruturar o traballo, como inserir adecuadamente gráficas cos seus títulos e pés, como escribir unha bibliografía, como facer unha cita, etc. teñen os Obradoiros de elaboración de TFG e TFM, nos cales pode participar todo o alumnado matriculado na materia de “Traballo de Fin de Grao” ou no TFM de todas as titulacións.

O obradoiro ten recoñecido 1 crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e o diploma de asistencia por 30 horas, ao que cómpre sumar o evidente beneficio da mellora da calidade formal do traballo. Desenvolverase na Aula Informática 4 da Facultade de Xeografía e Historia os días 10 de novembro (de 16 a 19 h) e 11-12-17-18-19-24-25-26 de novembro (de 16 a 18 h). A posta en común será os días 20-21 de xaneiro de 2016 de 16 a 18 h.

A matrícula no curso custa 30 euros e faise a través de Internet na páxina do SNL ata o día 30 de outubro ás 24 h.

Un obradoiro que che resultará moi práctico

Co Obradoiro de elaboración de TFG e TFM mellorarás a redacción e o aspecto do traballo, e prepararás a defensa oral do traballo con presentacións dixitais. Para todo isto contarás coa supervisión personalizada por parte do profesorado do Obradoiro.

Nas 23 horas presenciais do curso, verás contidos lingüístico-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do TFG/TFM.

Ademais, aprenderás a utilizar  os modelos de TFG e TFM da USC, tanto en Word como en Libre Office, que presentan solucións formais en relación ás partes do traballo (portada, resumo, índices, capítulos, bibliografía...) e ao formato (estilos, paxinación, inclusión de táboas, gráficos ou imaxes), e inclúen ferramentas de apoio á redacción: o idioma do documento está fixado e o corrector automático, listo para iniciarse. Deste xeito quen queira utilizar estes modelos (o seu uso non é obrigado) só terá que centrarse nos aspectos máis directamente relacionados co contido, deixando á marxe cuestións puramente técnico-formais que ás veces derivan en importantes perdas de tempo xusto cando máis cómpre.

Tamén che fornecerán indicacións de carácter comunicacional para mellorar a defensa do traballo diante do tribunal con apoio de presentacións dixitais: posta en escena, actitude, a voz, a presenza; o estilo das presentacións, recomendacións para que se poidan ler...

Nas horas non presenciais deberás redactar ou revisar o teu TFG ou TFM segundo o modelo e as pautas do curso, así como preparar a presentación dixital e a defensa oral. Logo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos dos traballos.
 

Martes, 27 de outubro de 2015