Xornada de recursos educativos en galego: educación artística

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organiza por oitavo curso consecutivo a “Xornada de recursos educativos en galego”. Trátase dun foro para coñecer os recursos educativos existentes en lingua galega nos diferentes niveis e tipos de ensino. Desta volta dedícase á educación artística.

A xornada artéllase arredor de tres táboas de experiencias que irán seguidas de coloquio posterior. Na primeira das mesas, a partir das 12:00, realizarase unha reflexión sobre a importancia dos materiais didácticos artísticos na nosa lingua no ensino, na que participarán Gloria Mosquera (mestra e membro do grupo musical “Mamá Cabra”, Silvia Capelo, profesora de Plástica e Visual, e un representante da editorial OQO, que falarán sobre as cancións, a creación audiovisual e a lectura como recursos didácticos.

Xa á tarde, abordarase ás 16 h a cuestión de como crear recursos para a educación artística. Corresponderalles a dúas compositores de contos e cancións, Manoel de Felisa e Almudena Janeiro, a dous membros da compañía de monicreques “Viravolta” e o mestre de Música Xiao Somoza.

A última das mesas, a partir das 18:30, amosará diversas experiencias artísticas realizadas en galego no ensino obrigatorio, como un obradoiro de dobraxe, a experiencia da improvisación musical colectiva, o proxecto de alfabetización audiovisual “Aturuxo films”... Intervirán as mestras e mestres de Música e Plástica Juan José Parga Cervelo, Xiao Somoza, Rosa Vicente Álvarez e Sergio Clavero.

A xornada desenvolverase o día 5 de novembro de 2015 na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) e está destinada preferentemente ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación da USC, así como profesionais da educación artística interesados en coñecer mellor os recursos didácticos en galego neste ámbito.

A inscrición é de balde e farase en liña a través da páxina web do Servizo de Normalización Lingüística. O prazo de inscrición está aberto ata o 30 de outubro de 2015. Hai 200 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. O número mínimo para celebrar as xornadas é de 40.

A USC emitiralles un diploma de asistencia da actividade, no cal figurará o número de horas presenciais (7,5 horas), ás persoas matriculadas que asistan á totalidade da Xornada, para o cal haberá control de asistencia.

Son obxectivos desta xornada que as persoas asistentes coñezan os recursos eductivos existentes en lingua galega para a educación artística, e que aprendan a definir estratexias e criterios para buscalos e escolmalos. Así mesmo, promover a creación de recursos educativos e materiais didácticos propios adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia e impulsar a difusión de experiencias educativas centradas na utilización e elaboración de recursos didácticos en lingua galega.
 

Martes, 27 de outubro de 2015