Materiais didácticos en galego en CC. Económicas e Empresariais

Definicións básicas de análise de estados financeiros; conceptos fundamentais de estrutura económica; folla de cálculo básica para finanzas e un modelo de balance e conta de resultados. Son recursos importantes para estudar en Economía e ADE que agora o alumnado dispón en galego grazas á CNL desa facultade.

As comisións de normalización lingüística (CNL) teñen como obxectivo aumentar o uso do galego nos seus centros en todos os ámbitos. Por iso, nos últimos anos a Comisión da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no Campus de Santiago leva elaborado e editado diversos recursos materiais relacionados coa economía e a xestión empresarial.

Nesta ocasión a CNL elaborou catro novos documentos que se unen ao “Cadro de contas” editado hai dous anos. O primeiro deles documento abrangue os termos e as definicións máis empregadas na análise de estados financeiros; o segundo incorpora os conceptos básicos de estrutura económica; o terceiro consiste nun formulario básico de Excel para finanzas e finalmente, o cuarto, é un modelo de balance e conta de resultados.

Para elaborar estes materiais, que corresponden a diversas áreas e materias, foi necesaria a colaboración do seu profesorado, o cal participou activamente e de forma voluntaria na elaboración do material. Deste xeito achegámoslles a un maior número de alumnos recursos en galego que se empregan de xeito habitual ao longo das clases.

Estes recursos ofrécenselles ás alumnas e alumnos en formato impreso, mais tamén en formato PDF, para que poidan conservalo, consultalo e utilizalo dun xeito máis eficaz. Pódense descargar dende a páxina web que o Servizo de Normalización Lingüística dedica ás actividades realizadas polas comisións de normalización lingüística.

Dende que a CNL de Económicas e Empresariais comezou a publicar este tipo de materiais, puido  comprobar a satisfacción tanto do alumnado como do profesorado, ao poder dispor dun recurso didáctico na nosa lingua, de balde e cunha utilidade práctica demostrada na aula e no estudo das diversas materias.

Martes, 27 de outubro de 2015