Os idiomas nas teses de 2014

«Estudo de polimorfismo autosómicos e de cromosoma Y en humanos con aplicacións en xenética forense e poboacional » non foi a única tese de doutoramento en galego na nosa Universidade: en 2014 elaboráronse 16, dos cales 10 redactáronse unicamente en galego, e outros 6 incorporárono ben como lingua principal (2 teses) ou ben como lingua secundaria (4 teses). Cómpre aclarar que, nos casos en que o traballo se elabora en dous idiomas, cada un deles contabiliza como 0,5.

O abano de departamteses2014entos onde se presentan teses en galego abrangue dende, como é natural, Filoloxía Galega ata Historia e Institucións Económicas, Filosofía e Antropoloxía Social, Didáctica e Organización Escolar, Ciencias da Comunicación, Medicina e Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses.

Porén, o dato máis salientable é que o castelán segue sendo a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 236 teses lidas en 2014, 148 realizáronse total ou parcialmente neste idioma (o 62,71%). Ao seu lado, a utilización doutras linguas como o galego (6,77%), o portugués (7,62%), o inglés 22,45%) e outros (0,42%), resulta moito máis discreta. O inglés adscríbese a teses presentadas en departamentos de ciencias da saúde, ciencias puras e economía, ademais do IDEGA e  Filoloxía Inglesa.

Se estudamos a evolución do uso dos idiomas dende o ano en que comezou o programa de axudas ao emprego do galego nos traballos de investigación iniciais, 1994, percíbese unha pequena progresiva diminución do uso do castelán a prol da utilización do galego, do portugués e doutras linguas, nomeadamente, o inglés. Con todo, o uso do castelán non baixa do 60%. En relación ao inglés, cómpre salientar que deste último idioma só temos datos desagregados dende 2009 e que a tendencia é á alza, ascendendo posicións ano a ano.

teses_numero teses_porcentaxe

A utilización da lingua galega nestes traballos, do cal temos datos dende 1990, presenta numerosos  altibaixos e nunca chega a superar o 15%; agora levamos cinco anos consecutivos de descenso. Máis importante aínda é que o cruzamento de datos de solicitantes de axudas á realización de teses de doutoramento en galego dende 1994 e de utilización da nosa lingua na docencia por parte destes mesmos profesores e profesoras, revela un grao de fidelización moi elevado ao uso do galego.

 Malia os doutorandos e doutorandas contaren con axudas que incentivan o uso do galego por parte da USC, o certo é que só 3 das 9 teses defendidas en 2014 que tiñan dereito á axuda do SNL (redactadas exclusivamente na nosa lingua e fóra do Departamento de Filoloxía Galega) solicitaron as subvencións de ata 400 euros ou o correspondente asesoramento lingüístico e terminolóxico.

Venres, 27 de febreiro de 2015