Explícoche Matemáticas 2.0

Explícoche Matemáticas 2.0 é un concurso dirixido ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo) e a estudantes de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia, coordinados por un profesor.

Organizado pola Facultade de Matemáticas e o Servizo de Normalización Lingüística da USC, en colaboración con educaBarrié, a iniciativa da Fundación Barrié para a comunidade educativa, o obxectivo do concurso é promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático.

Para concursar no Proxecto Explícoche Matemáticas 2.0, os participantes deberán presentar un vídeo de, como máximo, dous minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou ben, cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade, a lingua empregada debe ser o galego.

Os proxectos deberán remitirse  ata o 8 de abril de 2015. Para iso, os concursantes deberán subir a unha canle de youtube o vídeo confeccionado e suministrar un link válido para o visionado da curtametraxe e un informe sobre o traballo e os datos persoais a través dun formulario de participaciónn a web Mateblog.

O concurso Explícoche Matemáticas 2.0 consta de dúas categorías con cadanseu premio:

  • Categoría A: 2º Ciclo da ESO e Bacharelato
  • Categoría B: Universidade

Os premios consistirán en material informático, audiovisual, didáctico ou educativo.

Ademais dos premios do xurado, tamén se recoñecerá o vídeo mellor valorado polos internautas. Os premios serán entregados no mes de maio, co gallo do Día das Letras Galegas.

 

Venres, 27 de febreiro de 2015