Propostas das universidades do SUG para o Ministerio a prol do galego

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística achegoulle a finais do pasado ano ao Ministerio de Educación dúas propostas para potenciar o uso e o recoñecemento dos idiomas cooficiais, que foron asinadas  polo reitores das tres universidades galegas, Juan Viaño, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato.

A primeira proposta insta a que se modifiquen os criterios de avaliación da actividade investigadora no relativo ao uso das linguas cooficiais en publicacións científicas, de xeito que a avaliación se centre na súa calidade científica, con independencia da lingua en que estea escrita. Con esta iniciativa preténdese evitar que os resultados da investigación non redactados en español ou inglés sexan invisibles nos procesos de avaliación da actividade investigadora. O informe da Comisión Interuniversitaria sobre investigación e lingua presentado en xuño de 2014 sinalaba que "o peso do inglés é abafante e tende a medrar debido a que as decisións de política científica en relación coas avaliacións (acreditacións, sexenios) só de forma moi residual se apartan do SCI ou o Journal Citation Reports (JCR) como parámetros de indexación", polo que o recoñecemento de traballos científicos realizados en castelán é cada día máis complexo, e en galego, catalán ou éuscaro “dobremente complexo".

Ademais, as tres universidades galegas acordaron presentar alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se modifica o Real decreto 1312/2007, do 5 de outubro, regulador da acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios. Reclámase que nas comisións de acreditación da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA) se garanta a presenza de avaliadores das comunidades con lingua propia, valorando o seu coñecemento destes idiomas, para evitar situacións de desigualdade na avaliación dos méritos das persoas aspirantes por razóns lingüísticas.

Dáse cumprimento deste xeito a parte das propostas do informe “Investigación e linguas” encargado pola Comisión á profesora Alba Nogueira, que tamén apostaba por que o uso do galego nas aulas sexa unha das variables do financiamento por obxectivos das universidades, por apoiar a tradución ou publicación de monografías científicas en galego ou pola introdución de incentivos retributivos polo uso da lingua, para mellorar a situación da lingua nas universidades galegas, ademais de recomendar a divulgación do coñecemento científico en galego na sociedade, para asociar o galego a rexistros de prestixio.

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, formada polas tres universidades galegas, constituíuse en xullo de 2009 co obxectivo de promover a coordinación do proceso de normalización lingüística no ámbito universitario e co compromiso de fomentar o uso da lingua no espazo de educación superior. En febreiro de 2011 uníuselle a Consellaría de Educación da Xunta de Galicia.

Venres, 30 de xaneiro de 2015