A anos-luz do plurilingüismo e aínda moi lonxe do bilingüismo

Como todos os cursos dende 2003-2004, debullamos n’O Cartafol  os usos das linguas na actividade docente, segundo os datos vertidos no Plan de ordenación docente (POD).

Moi lonxe de converterse nunha universidade plurilingüe, situación da que estamos a anos-luz, neste curso 2014-2015 a Universidade de Santiago de Compostela semella confirmarse como universidade pouco bilingüe. O idioma maioritario das máis de 450 mil horas de docencia impartidas é o castelán (73,95%), seguido polo galego (22,20%), o inglés (1,80%), o portugués (0,42%) e outras linguas (francés, italiano, alemán) que, en conxunto, representan o 1,62%.

 Os usos lingüísticos son diferentes segundo a tipoloxía de titulacións, como se reflicte na seguinte gráfica:

 tipos

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 Os idiomas nos graos

Nas tres cuartas partes das 384.107 horas de clase dos graos o PDI utiliza o castelán (74,25%), o galego en pouco máis dun quinto (21, 52%), o inglés non chega ao 2% e os restantes idiomas, ao 1,5%.

graos

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Debullando os datos das titulacións de grao vese que soamente un, o de Lingua e Literatura inglesa, carece totalmente de docencia en galego; porén oito non chegan nin ao 10%, maioritariamente de ciencias da saúde: Enfermaría (de Lugo e Santiago), Medicina, Odontoloxía, Farmacia, Nutrición, Bioloxía e Relacións Laborais (Lugo).

Quince graos de todas as áreas de coñecemento andan entre o 10 e o 25%, como Enxeñaría Informática, Veterinaria, Matemáticas, Dereito ou Filoloxía Clásica. Dezaseis, como Psicoloxía, Enxeñaría Forestal, ADE ou Historia,  entre o 25 e o 50%.

Só dez dos 51 graos responderían ao modelo bilingüe con predominio do galego que é obxectivo da USC, superando o 50% de docencia en galego. É o reino das ciencias sociais e as humanidades: Comunicación Audiovisual, Mestres/as de Primaria e Infantil, Filosofía, Educación Social, Pedagoxía, Xornalismo (84,89%) e Lingua e Literatura Galegas (100%). O piar fundamental do galego son as materias obrigatorias, máis que as básicas ou as optativas.

As titulacións de Filoloxía, de Mestra/e, Dereito e Ciencias da Cultura son as únicas en que se utilizan outros idiomas (portugués, francés, italiano, alemán, catalán) ademais dos oficiais e do inglés. E neste idioma impártese docencia en dez graos máis, aínda que se limita ás materias denominadas “idioma técnico”, agás Enxeñaría Química (8,16%), a única titulación de grao da USC que ofrece a posibilidade de cursar materias básicas e obrigatorias en inglés (nove), ao desdobrar grupos neste idioma e en galego e/ou castelán, ademais de contar unha materia obrigatoria de Inglés Técnico.

Os idiomas nos mestrados

Os mestrados son as titulacións cun maior grao de bilingüismo: do total de 44.291 horas  docentes, un 61,29% impártense en castelán e un 36,08% en galego. Porén, as restantes linguas non acaban de arrincar, incluído o inglés cun 1,93%, cando precisamente estas titulacións son, a priori, as máis axeitadas para o incremento da docencia noutros idiomas.

master

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Con todo, no favorable dato para o galego nos mestrados cómpre ter en conta o importante peso en horas docentes do de Formación do profesorado de ESO, bacharelato, FP e linguas estranxeiras (6.308 horas) no conxunto dos 82 cursos de mestrado analizados.

Aínda así, ao debullarmos os datos lingüísticos dos másteres da USC comprobamos que en 18 carecen de aulas en galego e calquera outro idioma que non sexa o español, agás o de Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións, que se imparte ao 100% en inglés. Este patrón compárteno tanto o Máster en Biotecnoloxía, como o de Fiscalidade Comunitaria e Internacional, o de Filosofía, o de Ciencias Odontolóxicas ou o Computación de Altas Prestacións.

No outro extremo, os 34 másteres que superan o 25% da docencia en galego (20 dos cales usan o galego en máis do  50%), á cabeza dos cales se sitúa o Máster Universitario en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica.  

Só 8 másteres incorporan outras linguas non oficiais á docencia. Ademais do dito Máster de Estudos Ingleses, só os de Enxeñaría Química e Bioprocesos e Enxeñaría Ambiental (2ª ed.) se afastan dos ámbitos das Humanidades e das Ciencias Sociais.

Os idiomas nas titulacións de 1º e 2º ciclo

As licenciaturas e diplomaturas están a extinguirse logo do proceso de implantación dos graos, polo que soamente se dispensan 25.371 horas de docencia en nove titulacións. Daquela, os datos xa non son moi representativos. Galego (8,31%) e outros idiomas (0,06%) resultan anecdóticos fronte ao uso do castelán (91,63% das horas).
Os idiomas nas titulacións de 1º e 2º ciclo

(Pódese consultar todos os datos no web do SNL)

 

Venres, 30 de xaneiro de 2015