Departamentos, profesorado e linguas

Os usos lingüísticos docentes, que inclúen todo tipo de titulacións (grao, 1º e 2º ciclos e másters, co que os datos se refiren a máis de 450 mil horas de clase) tamén varían en función do departamento de que se trate e das categorías de profesorado.

O profesorado da USC organízase en 77 departamentos. Sete deles non imparten ningunha hora docente en galego e dezasete, menos do 10%; a maioría están relacionados coas ciencias da saúde, ciencias e idiomas, ademais do Departamento de Dereito Mercantil e do Traballo.

Os catorce departamentos que utilizan o galego en máis da metade da encarga docente son, fundamentalmente, de ciencias sociais e humanidades, ao que se lle une Ciencias Clínicas Veterinarias.

Na zona central do ranking segundo o uso do galego situaríanse vinte departamentos (entre o 10 e 25% de horas docentes) e dezanove que imparten na nosa lingua entre o 25 e o 50%, un abano que comeza con Estatística e Investigación Operativa (10,38%) e remata con Xeografía (49,17%).

De 78 departamentos existentes na USC, imparten algunha docencia en inglés nove, ademais de dous departamentos relacionados directamente co ensino desta lingua. Boa parte destes nove departamentos están relacionados co grao de Enxeñaría Química, titulación que dispensa en inglés o 8,64% da súa encarga de horas, como o departamento así denominado (5,18%), ou os de Matemática Aplicada (1,33%), Química Orgánica (1,85%) ou Química Inorgánica (0,44%). Cómpre salientar, por outra banda, que dous departamentos, Química Analítica e mais Estomatoloxía, son quen de utilizar o inglés na súa docencia pero non o galego.

Como xa dixemos ao debullar os datos sobre titulacións, o uso dos restantes idiomas (alemán, catalán, francés, italiano, portugués) limítase aos departamentos encargados da investigación e ensino de cadansúas linguas.

Categorías de PDI e linguas

Se atendemos ás categorías de PDI segundo o seu uso do galego, os primeiros da lista serían os investigadores/as do programa Marie Curie, cun 69,88% de horas docentes en galego, seguidos dos catedráticos de escola universitaria, cun 53,02%, seguidos dos interinos por vacante (T3), que o utilizan no 50,46% das horas docentes.

No extremo oposto, o do 0% de uso do galego, sitúanse varios tipos de persoal en formación (bolseiros FPI, investigadores do programa Juan de la Cierva, post-doc da Xunta, así como colaboradores/as doutores/as, lectores/as e profesores/as invitados/as.

Mais todas estas categorías de PDI xuntas non superan o 7% do PDI e, polo tanto, resultan pouco representativas á hora de analizar os datos. O profesorado titular, que supón case o 45% do PDI no ano 2013, é a categoría que en conxunto asume a maior encarga docente, da cal imparte en galego o 25,90% das horas.  A seguinte categoría é a de catedráticos/as, case o 18% do PDI, que usa o galego no 19,22% das súas horas de aulas. O profesorado asociado é a seguinte categoría por número (16%); o galego entra no 3,83% das horas impartidas polos asociados en Ciencias da Saúde e o 30,16% das que lles corresponden aos asociados LOU.

Ademais do profesorado lector, o máis anglófilo serían os investigadores Marie Curie (30,12%) e as persoas que gozan dunha bolsa FPU (9,37%).

Venres, 30 de xaneiro de 2015