Evolución dos usos lingüísticos en doce anos

evolucion_graosQue xigantes en canto ao número de horas docentes e con escaso uso do galego como os graos de Medicina, Farmacia ou Dereito non comezaran a súa implantación ata o curso 2010-2011, pode ter bastante que ver con que no curso anterior (2009-2010) a nosa lingua acadase o seu pico máximo nos graos e chegase a un 32,76%. A medida que estas titulacións se xeneralizan en todos os centros e abranguen todos os cursos, os usos lingüísticos arrolan pola costa abaixo: o galego arrédase do terzo de docencia para ocupar pouco máis da quinta parte, moi lonxe do modelo lingüístico deseñado polo Plan de Normalización Lingüística da USC e moi lonxe das arelas que a comunidade universitaria manifestou.

 

E, con todo, algo pasou neses cursos 2008-2009 e 2009-2010, porque tamén nas titulacións de 1º e 2º grao o uso do galego experimentou un moderado crecemevolucion_licenciatento desde o 20% ata case o 33%, empinando unha pendente moi suave pero continua desde o curso 2003-2004.

 

Nesta altura, unha vez que as licenciaturas e diplomaturas están a piques de extinguirse (de feito, xa só hai docencia no último curso de nove titulacións de 1º e 2º ciclo e son pouco máis de 25 mil horas de clase), debemos centrar a nosa atención nos graos, unha vez que son as titulacións de referencia, están implantadas en todos os centros e na maioría dos casos en todos os cursos, e xa son 384 mil horas de docencia.

 

 

evolucion_mestrados

O uso medio do galego nos graos neste curso académico é do 21,52%, dez puntos e medio menos que en 2009-2010 (32,11%). Coa implantación xa case total das novas titulacións adaptadas a Boloña, á medida que os graos se normalizaron na USC (especialmente os de maior peso en horas e alumnado), a utilización dos idiomas foise acomodando aos usos lingüísticos maioritarios. Na gráfica correspondente aos usos lingüísticos dos graos podemos ver como a liña que representa o uso do galego ten unha continua pendente descendente dende daquela.

 

 

Se debullamos os datos por titulacións de grao,  albíscase unha situación –loxicamente- bastante estable. A utilización de cores no documento, que clasifican as titulacións segundo tramos de uso do galego, permite percibir doadamente as mudanzas, en xeral, congruentes e comprensibles. Só unha titulación non imparte nin unha hora de clase en galego, e trátase do Grao en Lingua e Literatura Inglesas. As titulacións relacionadas con Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría), que posúen un número moi elevado de alumnas e alumnos, reiteran as baixas posicións na táboa ano tras ano.

Por outra banda, tamén resulta salientable que o inglés practicamente non supera nunca o 2% das horas como lingua docente, e iso grazas ao gran peso do ensino da lingua nas titulacións de Filoloxía e noutras como materia técnica, e non tanto polo uso vehicular no ensino.

Nos mestrados os usos das dúas linguas oficiais tenden a ser máis equilibrados, arredor dun 60% en castelán e un 40% en galego. Na evolución sorprende o dato do curso 2011-2012, que se debe a un erro na recollida de horas do Máster de Formación do Profesorado, ao que se lle atribúen máis de 45 mil sobre un total de case 86 mil horas de mestrados. Nos datos sobre o uso do inglés nos mestrados  non se aprecian variacións, e sitúase próximo ao 2%.

Se debullamos a evolución por titulacións de mestrado, percíbese que aumenta o número de másters con 0% docencia en galego (dezaoito), aínda que os datos non semellan moi coherentes nalgúns casos, como o do Máster en Filosofía, que pasa de usos superiores ao 40% nos cursos anteriores ao 0% no actual.

Por departamentos, o máis salientable é a progresiva diminución dos departamentos con absoluta falta de docencia en galego, aínda con altibaixos: dende os 19 do curso 2003-2004 aos sete (iso si, ben teimudos) na actualidade. O Departamento de Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía usou o castelán no 100% da súa docencia en dez cursos dos once analizados.

Os datos lingüísticos da docencia da USC

A USC conta con datos sobre o uso dos idiomas na formación universitaria inicial (licenciaturas e diplomaturas e, agora, graos) desde o curso 2003-2004, o que nos permite ofrecer unha panorámica da súa evolución ao longo destes doce cursos académicos bastante razoable . A información baséase  nas planificacións docentes dos departamentos, que se trasladan á aplicación de xestión académica XesCampus e logo se reflicten como datos públicos nas páxinas web das diversas titulacións, nas informacións relativas a cada materia e a cada grupo: profesorado, horario, contidos, programas, competencias, bibliografía, idiomas... Dende o curso 2009-2010, en que se implantaron os primeiros máster adaptados ao EEES, tamén contamos con datos sobre os usos lingüísticos deste tipo de titulacións superiores.

Os datos semellan cada curso máis fiables, grazas ás precaucións que se foron adoptando e que impiden que, por exemplo, se escolla unha lingua non oficial da USC na aplicación XesCampus se non está autorizada oficialmente a impartición da materia nese idioma. Por suposto, na introdución de información pode haber erros máis ou menos involuntarios, que explican algúns datos rechamantes pero que non mudan as grandes tendencias; pensemos que as porcentaxes están calculadas sobre as máis de 450 mil horas de docencia que se imparten na USC.

Venres, 30 de xaneiro de 2015