Cursos de lingua galega para alumnado de intercambio

Os estudantes de fóra que veñen aquí a estudar decátanse de que se fala galego dentro e fóra da Universidade: entre os novos amigos e compañeiros, nas tendas, nos bares, na tele... ou nas aulas. É moi conveniente afacerse a el, comprendelo (o que resulta moi doado coñecendo algunha outra lingua románica) e mesmo chapurrealo un pouco.

Para axudalos, a USC pon ao seu dispor dende 1996 os Cursos de lingua galega para non galegofalantes, polos cales levan pasado case 1500 estudantes procedentes doutras comunidades autónomas (sobre todo, cataláns e vascos), así como de moitas outras partes do mundo: Italia, Alemaña, Estados Unidos, Rusia, Polonia, Austria ou Francia, grazas aos programas de mobilidade como Séneca e Eramus.

Os cursos de galego para non galegofalantes organízaos o Centro de Linguas Modernas da USC. Trátase de cursos de 40 horas lectivas, con carácter cuadrimestral, para adaptarse á duración das estadías deste alumnado, aínda que están abertos a calquera membro da comunidade universitaria ou persoa allea interesada en aprender o galego máis básico: correspóndense cun nivel de usuario básico, o que en termos do Marco Europeo de Referencia é un A1.1. En todos os cursos vense documentais coma Historias de Galicia e Os camiños de Santiago e realízanse excursións didácticas polas rúas de Compostela e Lugo.

En febreiro iníciase a segunda quenda destes cursos de formación, que terán lugar dous días á semana en Santiago (Fac. Filosofía, á mañá) e Lugo (Fac. Humanidades, ao serán) de febreiro a maio. A matrícula, que se formaliza a través de Internet, está aberto ata o 5 de febreiro de 2015.

Outras actividades para aprender galego

O CLM dispón, ademais, da posibilidade de aprender galego, dun xeito máis informal, mediante os támdem lingüísticos, que facilita o intercambio cultural e lingüístico para a integración na vida universitaria santiaguesa dos alumnos que chegan ás nosas aulas (incoming), á vez que supón unha oportunidade de encontro dos estudantes da USC que pretenden estudar noutra universidade estranxeira (outgoing), e os cafés de linguas, que no caso do galego é venres de 19:30 a 20:30 na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

 

Venres, 30 de xaneiro de 2015