Que fala falas?

Pódense usar localismos na fala? Xa hai moitos anos, suscitárase un debate na sociedade española cando na TV daquela se incorporara unha presentadora canaria que falaba co seu acento e con seseo: era adecuado que a televisión española acollese localismos? A serie da TVG “Mareas Vivas” abriu este mesmo debate na sociedade galega de finais dos 90 ao apareceren personaxes situados na Costa da Morte que, fieis á dialectoloxía da zona, falaban con seseo e gheada, dous fenómenos ben característicos do galego occidental. Hai tres anos a cuestión da fala volveu reabrirse na TVG cando se publicou que a nosa canle televisiva lle solicitara á presentadora Lorena Pose, unha moza de Ponteceso, tamén na Costa da Morte, que non utilizase a gheada “porque moita xente non se identificaba con esa variante e podía resultarlles molesto”.

Gheada, seseo (incluído o sistema da Baixa Limia), diferenzas de abertas e pechadas, cheísmo occidental ou teísmo de microáreas do sur; morfoloxías pronominais (iste/este, tu/ti, il/el...), verbais (cantai/cantade...) diferentes ás opcións normativas; o infinito acervo léxico local... Ata onde debe primar a necesidade dun estándar común e ata onde a conservación do noso patrimonio, da nosa diversidade lingüística? Ata onde debe chegar o imperio da norma oficial e ata onde a fala?

Desde o argumento de que a gheada está aceptada como oficial polas Normas da Real Academia Galega e que non existen razóns lingüísticas para desterrala do discurso público, ata que está estendido un prexuízo social sobre a gheada como algo vulgar ou bruto que convén desterrar, pasando pola cuestión dos libros de estilo e de imaxe dos medios de comunicación e das administracións públicas... Seguro que estes e máis xurdirán no debate que, verbo desta cuestión candente sempre, organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía o vindeiro mércores 11 ás 19 h no Salón de Graos.

A escolma de intervenientes augura debate e con argumentos: Xosé Luís Regueira, catedrático de Filoloxía Galega e membro da RAG, coñecido defensor do uso público da gheada; Paulino Novo, coordinador de lingüistas da CRTVG, que teñen a responsabilidade de investigar e propoñer solucións para todos os problemas lingüísticos que xorden no día a día da nosa radio e televisión; Lorena Pose, a presentadora corrixida d’A revista de fin de semana da TVG, licenciada en Xornalismo; e Federico Pérez, actor e licenciado en Filoloxía Galega, ben coñecido, entre outros, polo seu papel de Moncho en Era Visto, onde fala con gheada de aspiración suave.
 

Venres, 30 de xaneiro de 2015