Un obradoiro axudará a elaborar os TFG e TFM

O Obradoiro de elaboración e defensa de traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado en galego ten como obxectivo que os alumnos e alumnas que teñan que redactar e defender este tipo de traballos o fagan coa máxima calidade formal e en lingua galega, para o que traballarán sobre un modelo (aprobado, por exemplo, na Facultade de CC. Económicas e Empresariais e mais na ETSE) e titorizados polo profesorado do obradoiro. Trátase da cuarta edición deste mesmo obradoiro que se dirixe a todo o alumnado matriculado na materia de “Traballo de Fin de Grao” ou no TFM de todas as titulacións, aínda que desta volta tivo preferencia o alumnado de Xeografía e Historia.

O curso combinará exposicións teóricas e sesións prácticas, e nas horas non presenciais o alumnado deberá iniciar ou revisar o seu traballo de fin de grao ou de fin de mestrado segundo o modelo que se lles fornece e as pautas do curso, para o cal será titorizado polo profesorado do obradoiro. En marzo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos dos traballos.

Nas 30 horas do curso, 26 delas presenciais, as persoas asistentes verá contidos lingüísticos-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do TFG/TFM, e tamén comunicacionais para a defensa do traballo con apoio de presentacións dixitais.

O Obradoiro de elaboración e defensa de traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado en galego desenvolverase na Aula Informática 4 da Facultade de Historia os venres entre o 31 de outubro e o 12 de decembro (ambos incluídos) e o 6-13 de marzo de 2015 en horario de tarde (de 16 a 19 h, agás 12 de decembro e 6-13 de marzo, que será de 16 a 18).

Ao evidente beneficio da mellora da calidade formal do traballo, engádeselle o recoñecemento de 1 crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e o diploma de asistencia por 30 horas

Xoves, 30 de outubro de 2014