Lugo proxéctase en galego

Roteiros de benvida á cidade, celebracións gastrofestivas, presentación de libros, proxección de pelis, demostracións de robótica, observacións astronómicas... Proxéctate en galego organiza unha chea de actividades para este trimestre, para potenciar o galego na vida do Campus de Lugo.

As comisións de normalización do Campus de Lugo (ADE, Ciencias, EPS, Formación do Profesorado, Humanidades e Veterinaria) organizan unha programa de actividades no Campus de Lugo para este cuadrimestre, conxuntamente con asociacións que partillan o obxectivo de visibilizar e potenciar o uso do galego na vida universitaria e profesional, e na vida cotiá en xeral, de xeito que se establezan vínculos dende a USC con tecido asociativo e cultural da cidade de Lugo.

Unha benvida á cidade para os novos estudantes é a primeira das actividades programadas, que  consiste en dous roteiros guiados, polo Campus e polo Casco Histórico da cidade milenaria, e mais nunha recepción gastrofestiva da man da Liga Estudiantil e da Asociación Cultural “Cultura do País”  ás 16:00, ás 18:00 e ás 20:00 o mércores 24 de setembro.

O mércores 1 de outubro ás 19:00 h, no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior será a presentación do libro de José Ramón Pichel e Valentim Fagim O galego é uma oportunidade, El gallego es una oportunidad.

Xa no mes de novembro celebrarase a Semana do Día da Ciencia en Galego, co gallo do 4 de novembro. Proxéctate en Galego e Igaciencia teñen progamado demostracións de robótica, observacións astronómicas e charlas, que se desenvolverán na Praza Maior e na Casa do Saber.

Finalmente, o 19 de novembro ás 20:00 no Salón de Actos da Facultade de Formación do Profesorado poderase acudir á proxección do filme “Encallados” e ao coloquio posterior sobre “As crises que nos afunden”, co seu director Alfonso Zarauza e co profesor Bernardo Valdés. Nesta actividade colaboran tamén o Cine Clube Valle Inclán e o colectivo universitario Na Encrucillada.

Dende as comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo traballan co alumnado para potenciar o uso do galego na vida universitaria, e por extensión, nos proxectos profesionais resultantes, dende unha óptica multidisciplinar e a través de iniciativas transversais. O galego debe ser unha ferramenta adicional que lle dea ao alumnado a posibilidade de acadar obxectivos superiores nas súas carreiras profesionais, ben porque lles permita innovar e así ter maior oportunidade de negocio, transmitir á sociedade os seus logros científicos ou mellorar a comunicación con persoas doutras culturas. Proxéctate en Galego” é a marca coa que lanzaron unha serie de actividades con esta visión dende o ano 2012, entre as que hai que subliñar un foro ou xornadas de discusión e tamén un espazo virtual na rede.

Xoves, 18 de setembro de 2014