Se fas a túa tese de doutoramento en galego...

As axudas ás teses en galego outórganselles a aqueles doutorandos e doutorandas que elaboren e defendan estes traballos en lingua galega e así a soliciten a través do Rexistro Xeral da USC. Este ano o prazo remata o 31 de outubro; as persoas que lean a súa tese con posterioridade terán que acollerse á seguinte convocatoria, a de 2015.

Trátase dunha subvención directa dun máximo de 400 € para os gastos de fotocopiado, impresión e encadernación do traballo. No pasado ano 2013 a USC concedeu as axudas para sete teses. O apoio económico compleméntase con servizos de consulta e asesoría lingüística e terminolóxica, así como de asesoramento para a elaboración e uso de presentacións dixitais que se adoitan utilizar na defensa das teses, por parte do Servizo de Normalización Lingüística. Ademais o SNL fornece: Cursos de formación, criterios e recursos lingüísticos, modelos de presentacións dixitais e o repertorio terminolóxico multilingüe bUSCatermos.

Este programa de axudas directas ao uso do galego en teses de doutoramento ofréceo a USC dende 1994 e axiña se converteu nun referente en moitas outras universidades, tanto galegas coma dos países cataláns. Dende aquela, máis de 1200 estudantes e investigadores solicitaron estas axudas na USC, contribuíndo deste xeito a estender o galego na investigación. A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia apoia economicamente este programa cunha achega de 3000 euros.

De xeito paralelo, as persoas que elaboren os seus traballos de fin de mestrado (TFM) en galego poden optar aos Premios á calidade lingüística nesta modalidade, un concurso con galardóns de ata 500 euros.
 

Xoves, 18 de setembro de 2014