Tes unha idea para fomentar o galego?

Se es membro (estudantes, docentes, PAS) de calquera das tres universidades galegas, ben a título individual, ben en equipo (como comisións de normalización, organización estudantil, etc.) podes participar nos XI Premios Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras presentando unha campaña normalizadora ou unha idea para a promoción do galego.

Se optas por argallar unha proposta de campaña que desenvolva unha iniciativa orixinal de fomento do uso do galego no ámbito universitario, debes presentala de xeito que conte cunha diagnose previa e os elementos habituais dunha acción planificada: obxectivos, destinatarios/as, metodoloxía, actividades, temporalización, recursos e avaliación. A campaña pode ser para un centro en concreto ou ben para o conxunto das tres universidades galegas.

Se tes unha boa idea para o galego na Universidade, mais non te ves planificando o seu desenvolvemento, só tes que entregar un informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social.

As campañas e ideas que se presenten optarán ao premio único de 3500 euros, e cómpre lembrar que nalgúns casos as universidades viron os proxectos interesantes abondo como para impulsalos, caso de funil.gal, unha iniciativa que procurará dotar a lingua galega de novas ferramentas multimedia para o ámbito científico, inicialmente no ámbito da química e en concreto no terreo das prácticas de laboratorio nas tres universidades galegas.

Tes ata as 14 horas do día 7 de novembro de 2014 para presentares no rexistro xeral de calquera das tres universidades a túa idea ou a túa proposta de campaña. No web do SNL da UdC podes informarte polo miúdo das características e das bases do concurso, así como consultar os traballos premiados anteriormente.

O Premio «Luísa Villalta», que chega desta volta á súa décima edición, convócano os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cos obxectivos de:

  • desenvolver iniciativas innovadoras, relacionadas coa planificación e a normalización lingüística
  • promover a reflexión e a implicación da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua
  • aproveitar as potencialidades técnicas e científicas e os recursos humanos existentes nas tres universidades galegas.


 

Xoves, 18 de setembro de 2014