Mellora o teu discurso oral

Todos os estudantes universitarios deben falar regularmente en público de xeito formal, para expoñer un traballo ou un proxecto, para responder un exame oral. Mais a nosa tradición educativa non nos fornece pautas para facelo con seguridade e tranquilidade. O obradoiro que agora organiza por vez primeira a Comisión de Normalización Lingüística de Filoloxía co apoio do SNL hache axudar a mellorar o teu discurso oral nun nivel formal en galego.

Con “Mellora o teu discurso oral” entenderás por que algunhas persoas resultan tan boas comunicadoras e como o conseguen. Adquirirás habilidades sociais, como perder o medo a falar en público ou a dominar a linguaxe non-verbal. Tamén adquirirás competencias discursivas, coas que aprenderás a artellar un discurso oral estruturado, adecuado, coherente e cohesionado, e a manexar os diversos tipos de argumentacións. E finalmente, tamén mellorarás as túas competencias lingüísticas orais en galego, de xeito transversal. En definitiva, aprenderás a falar en público sen medo, de xeito organizado e cun mellor galego. Mesmo haberá tempo para centrarse en como defenderes un traballo académico.

Para iso o obradoiro será eminentemente práctico, con moito traballo individual e en grupo, para analizar situacións comunicativas formais e profesionais, e para preparar supostos que se gravarán, visualizarán e comentarán.

O obradoiro terá lugar do 13 ao 30 de outubro en Filoloxía, de luns a xoves, en horario de tarde. Está aberto a todo o alumnado (con preferencia do estudantado do propio centro) e tamén aos demais sectores da facultade. Cómpre posuír un nivel de Celga 4 en lingua galega (estudos do bacharelato en Galicia na súa totalidade cursando de maneira oficial a materia de lingua), aínda que non é preciso presentar o certificado.

Para participar, cómpre matricularse entre o 15 de setembro e o 5 de outubro deste ano que andamos, cun custo de 30 euros, a través do web do SNL. A USC emitiralles un diploma de asistencia e bo aproveitamento, no cal figurará o número de horas correspondentes (25 horas), a aqueles alumnos e alumnas que superen a avaliación. O obradoiro ten recoñecido 1 ECTS por competencias transversais (lingua galega) para todas as titulacións de grao.
 

Xoves, 18 de setembro de 2014