Os idiomas nas teses de 2013

«Microenxerto e recultivo do calo basal na micropropagación de material adulto de carballo e castiñeiro » non foi a única tese de doutoramento en galego na nosa Universidade: en 2013 elaboráronse 20, das cales 13 redactáronse unicamente en galego, e outros 7 incorporárono ben como lingua principal (7 teses) ou ben como lingua secundaria (9 teses). Cómpre aclarar que, nos casos en que o traballo se elabora en dous idiomas, cada un deles contabiliza como 0,5.

O abano de departamentos onde se presentan teses en galego é amplo, e abrangue dende, como é natural, Filoloxía Galega ata Produción Vexetal, Física Aplicada, Historia I, Ciencias da Comunicación, Teoría da Educación, Filosofía, Anatomía e Produción Animal, Bioloxía Celular e Ecoloxía...

usosteses2013Porén, o dato máis salientable é que o castelán segue sendo a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 293 teses lidas en 2013, 190 realizáronse neste idioma (o 64%). Ao seu lado, a utilización doutras linguas como o galego (7%), o portugués (8%), o inglés (20%) e outros (1%), resulta moito máis discreta. O inglés adscríbese a teses presentadas en departamentos de ciencias da saúde, ciencias puras e economía.

Se estudamos a evolución do uso dos idiomas dende o ano en que comezou o programa de axudas ao emprego do galego nos traballos de investigación iniciais, 1994, percíbese unha pequena progresiva diminución do uso do castelán a prol da utilización do galego, do portugués e doutras linguas, nomeadamente o inglés. Con todo, o seu uso non baixa do 60%. En relación ao inglés, cómpre salientar que deste último idioma só temos datos desagregados dende 2009 e que a tendencia é á alza.

evolucion_teses_porcentaxe evolucion_teses_cinco

A utilización da lingua galega nestes traballos, do cal temos datos dende 1990, presenta numerosos  altibaixos e nunca chega a superar o 15%; agora levamos catro anos consecutivos de descenso. Máis importante aínda é que o cruzamento de datos de solicitantes de axudas á realización de teses de doutoramento en galego dende 1994 e de utilización da nosa lingua na docencia por parte destes mesmos profesores e profesoras, revela un grao de fidelización moi elevado ao uso do galego.

Malia os doutorandos e doutorandas contaren con axudas que incentivan o uso do galego por parte da USC, o certo é que só 7 das 13 teses defendidas exclusivamente na nosa lingua en 2013 con dereito á axuda solicitaron as subvencións de ata 400 euros ou o correspondente asesoramento lingüístico e terminolóxico.

evolucion_teses_axudas
 

Mércores, 02 de abril de 2014