Os idiomas nos TFG e nos TFM

Traballos de fin de grao

O pasado 2013 defendéronse 1.288 traballos de fin de grao na USC en 39 titulacións. A lingua máis utilizada foi o castelán, case o 30% dos estudantes optaron por realizalos en galego, e tamén se utilizaron en menor medida o inglés, o francés, o catalán, o portugués o alemán e o checo. Os datos das linguas de lectura e defensa dos TFG sofren pequenas variacións á respecto dos de redacción: 18 traballos escritos en castelán e un en inglés foron posteriormente defendidos en galego, catalán ou checo.

usos_tfg comparativa_tfg

 

En todas as titulacións en que se leron TFG houbo algún redactado en galego, agás en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Filosofía, así como en titulacións de Filoloxía, onde ademais do castelán utilizaron o inglés (Grao en Lingua e Literatura inglesas),  alemán, francés e portugués (Grao en Linguas e Literaturas Modernas).

En seis graos houbo un maior número de traballos en galego ca en castelán: Enxeñaría Forestal e do Medio Natural (1-8), Educación Primaria (6-16), Educación Social (15-16), Enxeñaría das Industrias Alimentarias (5-6), Educación Infantil (3-4) e Xeografía (3-4). En dous graos castelán e galego están empatados: Física (10-10-1) e  Historia (24-24)

Aínda que só temos a perspectiva de tres anos en canto aos usos lingüísticos nestes traballos, semella que o uso do galego nestes traballos está asentado arredor do 30%. O vindeiro ano veremos como afecta a incorporación dos TFG de grandes titulacións como Dereito ou Medicina.

evolucion_TFG_num evolucion_TFG_porcentaxe

 Traballos de fin de mestrado (TFM)

En 2013 defendéronse 1.101 traballos de fin de mestrado. O panorama volve estar dominado amplamente  polo castelán, aínda que é algo máis variado en canto ás linguas utilizadas. O castelán é a lingua utilizada en 714 TFM (o 71% do total), e o galego está presente en 238 (o 24% dos TFM); ademais utilízase outras linguas, como o inglés (en 36, o 4%), o portugués e, en menor medida, italiano, catalán, francés ou danés. Tamén neste caso existen diferenzas nos datos analizados entre a lingua en que se redactan os TFM e a lingua en que se len: o castelán, o inglés, o portugués e o catalán perden peso nos usos orais a prol do galego, o italiano e o danés.

usos_tfm comparativa_tfm

O pasado curso impartíronse 83 titulacións de mestrado; en 25 delas non se elaborou ningún TFM en galego, especialmente naquelas de ciencias e ciencias da saúde,  fronte a só unha en que se usou exclusivamente o galego e o inglés (Tecnoloxías da Información). E en nove titulacións o número de TFM presentados en galego superou o número dos realizados en castelán: Xeografía e Ordenación do Territorio, Comunicación e Industrias Creativas, Desenvolvemento Económico e Innovación, Actividades Educativas na Natureza, Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural, Formación do Profesorado nas especialidades de Ciencias Sociais e Lingua e Literaturas, Xestión Pública e o xa dito Tecnoloxías da Información.

Axudas á elaboración de TFG e TFM en galego

Cómpre lembrar que a USC fomenta o uso do galego en ambos os tipos de traballos, TFG/PFG e TFM, por unha banda, mediante os Premios á calidade lingüística; por outra, fornecendo formación específica nos obradoiros de elaboración de TFG, PFC e TFM e unha ferramenta como son os modelos de traballos de fin de grao e fin de mestrado no noso idioma, que facilitan a súa redacción e que proximamente se ofrecerán tamén en Libre Office.

Martes, 01 de abril de 2014