VII Ciclo de teatro comunitario. Proxecto AD HOC: A convivencia entre linguas

A Facultade de Ciencias da Educación da USC leva sete anos organizando un encontro entre grupos teatrais amadores que desenvolven a súa actividade nas vilas e aldeas de Galicia, para así reflexionar sobre o significado e a importancia do teatro na vida asociativa e comunitaria e promover a comunicación directa entre compañías e público.

Nesta sétima edición do ciclo apostouse por converter a mostra nun proxecto, AD HOC, que ten como finalidade que varias compañías de teatro amador creen colectivamente cadansúa peza breve dentro do grupo de traballo arredor dun só eixo temático: a convivencia entre linguas, que será tratado libremente por cada compañía, aínda que establecendo unha rede de colaboración entre as agrupacións participantes, favorecendo o apoio mutuo no proceso de creación de xeito que poidan compartir claves, preguntas, experiencias, etc.

A este chamado responderon nove grupos amadores: Carauta, Enlata, Teatro do Peto, Tolemia, Tuideas, Feito a propósito, Lliria, Farrapo e O Aturuxo de Melpómene. Todas eles levarán as súas creacións a diversos espazos do Centro Sociocultural Santa Marta os días 2, 3 e 4 de abril en varias funcións a partir das 17 h, de tal xeito que cada peza poida ser vista por 60 persoas. E de 20.20 a 21 h as compañías manterán encontros co público para falaren das súas creacións na sala Agustín Magán.

A entrada para cada peza será de balde; deberá retirarse na Secretaría das dúas sedes da Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus vida e Campus Norte) e mais nos puntos que acorde a Rede Municipal de Centros Socioculturais do Concello de Santiago.

A Comisión Cultural da Facultade de Ciencias da Educación e Enlata, o Grupo de Teatro da Facultade, organizadoras da mostra, propóñense lograr os seguintes obxectivos:

  • Visualizar a convivencia entre linguas en Galicia a través da representación teatral.
  • Xuntar diferentes compañías creando un grupo de traballo que permaneza unido en prol da creación dunha estrutura teatral común na que se insire a peza de cada compañía.
  • Proporcionar un espazo de representación, debate e expresión aos diferentes grupos de teatro de Galicia no contexto universitario.
  • Crear canles de comunicación entre os grupos de teatro da Universidade e os diferentes grupos teatrais que temos en Galicia.
  • Ter a oportunidade de analizar diferentes proxectos teatrais que se desenvolven no noso país.
  • Acoller na Facultade a voz e o saber de diferentes grupos de teatro que desenvolven a súa actividade nas vilas de Galicia.
  • Achegar a realidade teatral galega e universal aos estudantes universitarios.
  • Fomentar o teatro entre os estudantes e o colectivo da universidade en xeral, como unha actividade artística, de lecer e de formación.
  • Coñecer e reflexionar sobre iniciativas promovidas por profesionais do ámbito escolar e da educación social relacionadas co mundo teatral.

Luns, 31 de marzo de 2014