Gretl, en galego

Gretl é un paquete de software para análise econométrica escrita na linguaxe de programación C. Trátase de software libre e de código aberto, polo que calquera pode modificalo baixo os termos da licenza pública xeral GNU; por exemplo traducíndoo á lingua que se queira.

Isto mesmo foi o que caladamente fixo o profesor do Departamento de Economía Cuantitativa da USC Juan Carlos Estévez, quen na súa docencia utiliza Gretl como alternativa ás aplicacións privativas que existen para realizar análises econométricas. Logo de asistir ao V ETSE Open de SL /Fiadeiro de localización de software libre o pasado ano para coñecer as ferramentas de localización, as memorias de tradución, os glosarios, as normas de estilo, etc., afrontou en solitario a tradución deste software ao galego, co obxectivo de poder utilizalo na nosa lingua na docencia que lle corresponde.

Deste xeito, contamos cun paquete de software en multiplataforma para realizar análises econométricas que se utiliza en numerosos departamentos de Economía de universidades de todo o mundo en inglés, a lingua orixinal en que se desenvolveu, pero tamén en albanés, alemán, búlgaro, catalán, checo, chinés, español, francés, grego, italiano, polaco, portugués, ruso, turco, vasco e agora tamén en galego. En España, os pioneiros en utilizalo foron o profesorado da Euskal Herriko Unibertsitatea, que fixeron a tradución ao español e ao vasco; tamén o utilizan nas universidades de Valencia, Oviedo, Complutense, Autónoma, Málaga e mais no CSIC. As librarías orixinais foron escritas polo profesor Ramu Ramanathan da Universidadede California, aínda que actualmente dirixen o proxecto  Allin Cottrell, da Wake Forest University e Riccardo "Jack" Lucchetti, da Università Politecnica delle Marche.

Gretl (acrónimo de GNU, Regression, Econometrics and Time-Series Library) conta cunha interface moi intuitiva para o usuario, e asemade é razoablemente sofisticado. Inclúe múltiples estimadores baseados en mínimos cadrados, realiza funcións como o contraste de Dickey-Fuller aumentado, o contraste de estabilidade estrutural de Chow, autorregresións vectoriais ou estimacións de modelos ARMA, etc. Ademais, pódense gardar os resultados dos modelos como ficheiros LaTeX e posúe un controlador gráfico mediante menús, que serve para o axuste fino dos gráficos Gnuplot. En conxunto, unha morea de opcións para estudantes, docentes e economistas sen gastaren un peso!

Para instalalo cómpre ir á páxina principal de gretl, ao apartado de descarga e baixar o ficheiro correspondente á plataforma que se desexe (Linux, Fedora, Windows, Mac); durante o proceso de instalación preguntarache por un lugar onde instalar o paquete e o idioma. A que agardas para instalalo en galego e probalo? Éche de balde!

 

Luns, 31 de marzo de 2014