Seminario de dinamización lingüística para o alumnado


Reflexionar sobre a situación sociolingüística de Galicia e da USC; aprender sobre dereitos e deberes lingüísticos na USC; entender a natureza e o funcionamento das comisións de normalización lingüística; reflexionar sobre as posibilidades de actuación que o alumnado ten en materia de lingua a través das asociacións e das comisións de normalización. En definitiva: aprender para participar con eficacia e de xeito gratificante no proceso de normalización da lingua galega na nosa Universidade. Esa é a cerna do Seminario de dinamización lingüística para o alumnado organizado polo Servizo de Normalización da USC coa colaboración de varias organizacións estudantís.

O seminario está dirixido ao alumnado, sobranceiramente, aos estudantes con responsabilidades, ben por seren membros de asociacións, ben por seren representantes en comisións de normalización e outros órganos de goberno.

O venres 7 de marzo é cando se desenvolverá este seminario en Santiago (na Aula Lete del Río, na Facultade de Dereito) en xornada de mañá (de 10 a 14 h). As sesións impartiranas persoal do Servizo de Normalización Lingüística, así como a profesora de Dereito, Alba Nogueira. As exposicións arrequentaranse con material audiovisual, entrega de documentación e, sobre todo, coa participación e o debate dos asistentes.

A matrícula, de balde, debe realizarse no web do Servizo de Normalización Lingüística ata o 2 de marzo. A asistencia e participación neste seminario dará dereito a un diploma de asistencia por 4 horas.


 

Martes, 18 de febreiro de 2014