Galego, 23; castelán, 74

usos13-14

No que se refire ao uso dos idiomas na docencia da USC neste curso 2013-2014, sen dúbida o dato máis salientable é que o castelán é a lingua en que se imparten o 73,94% das horas de clase. O galego vehicula o 22,98% e o inglés o 1,59%. Francés, portugués, italiano, alemán repártense o restante 1,12% das horas docentes.

Os usos lingüísticos docentes son, logo, extraordinariamente resistentes ao cambio, e nin o galego, lingua propia da USC, nin outros idiomas con maior prestixio e proxección, como o inglés, beneficiado por un discurso case unánime sobre a súa utilidade e necesidade no ámbito universitario, se ven amparados na práctica docente.

Tales datos despréndense da información sobre as planificacións docentes consignada polos departamentos en XesCampus, a aplicación de xestión académica da USC, e refírense a un total de 461.670 horas de clase (338.956 horas en graos, 75.820 horas en titulacións de 1º-2º ciclo, 46.894 horas en mestrados), correspondentes a toda a docencia  impartida na USC  no actual curso 2013-2014. Dadas as magnitudes dos números, os erros ou inexactitudes que poidan cometerse que poidan conter non teñen practicamente incidencia, e, en todo caso, as cifras deben entenderse como o escaparate das tendencias lingüísticas docentes.

O segundo dato relevante é que a distribución dos idiomas non é homoxénea. Sacado o caso dos idiomas estranxeiros, que se utilizan nas titulacións propias de linguas e en materias soltas, normalmente de linguas de especialidade, a primeira liña de ruptura da uniformidade constitúena a tipoloxía de titulacións.


Os idiomas nos graos

usos_graos

Xa plenamente implantados, os 48 graos son xa as titulacións de referencia ao debullarmos os usos lingüísticos docentes na USC, coas súas 338.956 horas de docencia.

O uso do castelán e o galego nos graos é xa moi representativo dos usos lingüísticos docentes en xeral. Só un punto separa os datos xerais dos datos nos graos. O castelán sobe ata o 74,61% e o galego baixa ata o 21,90%. Dos idiomas estranxeiros, o inglés é o que alcanza maior índice de uso (1,69%), fronte ao 0,38% do portugués e o 1,78% os restantes (francés, alemán, italiano, catalán).

De novo as diversas titulacións de grao amosan diferenzas importantes nos usos lingüísticos. O primeiro dato salientable é que só unha, o Grao en Lingua e Literatura Inglesa, ignora oficialmente o uso do galego. Porén, entre as que menos utiliza o noso idioma sitúanse pesos pesados como Medicina, Odontoloxía, Farmacia, Enfermaría, perpetuando a distancia entre as ciencias da saúde e o galego.

Pola contra, nove titulacións imparten máis da metade da súa docencia en galego. Trátase de graos de Humanidades e Ciencias Xurídico-Sociais, e, tras Filoloxía Galega, sobrancean os casos de Pedagoxía e Educación Social, co 75,64% das súas aulas galeguizadas.

Titulacións de 1º e 2º ciclo

As 25 diplomaturas e licenciaturas que aínda presentan docencia xa son moito menos representativas dos usos lingüísticos. En primeiro lugar, porque delas derivan só 75.820  horas de clases, e en segundo lugar, porque se trata dos últimos cursos destas titulacións, onde tradicionalmente se acubillan as optativas.

Entre as catro titulacións que non contan con ningunha hora de clase en galego atópanse dúas con tantas consecuencias como as especialidades de música e infantil nas titulacións de mestre/a, ademais de Farmacia e Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica. E con pouco máis do 0% figuran titulacións tan importantes polo número de alumnos/as e de horas como Medicina ou Odontoloxía, que seguen impartindo toda a docencia correspondente aos cursos 4º, 5º e 6º (no caso de Medicina).


Os idiomas nos mestrados

usos_mestradosCuriosamente, os mestrados ou master son as titulacións en que -en conxunto- máis se utiliza o galego, un 31%; en castelán impártese o 66,40% e en inglés o 1,79%.

Sen dúbida, un elemento que contribúe ao favorable dato para a nosa lingua é o peso que nas 46.894 horas de mestrados representan as 5.463,63 horas dos dous mestrados oficiais en Formación do Profesorado (11,6%), unha titulación cuxo uso do galego é do 59,59% na titulación luguesa e do 60,72% na compostelá.

Cómpre advertir que, nalgúns casos, nos datos fornecidos cóntase as horas imputadas aos traballos de fin de máster e á dirección das prácticas, cando en realidade non hai aulas de ningún tipo, senón dirección por parte do profesor do traballo do alumno/a.

En trece mestrados dos 83 que se están a impartir, no primeiro ou no segundo ano de docencia-, non se utiliza o galego para nada. En 21 máis do 25% e en 17, máis do 50%. O mestrado máis galeguizado é o Máster en Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario, co 90,55% das súas aulas impartidas en galego. De novo as titulacións de áreas de ciencias da saúde e ciencias experimentais son as que menos utilizan o galego, mentres que as máis galeguizadas corresponden a mestrados de humanidades e ciencias xurídico-sociais.

A priori son os mestrados as titulacións que teoricamente mellor se adaptan ao uso vehicular de linguas estranxeiras, especialmente os de perfil investigador. Ademais, para o acceder a estas titulacións esíxese estar en posesión do B1 dun idioma estranxeiro. Porén, só tres máster que non estean dalgún xeito relacionados coas linguas,  son os que contan con aulas impartidas en inglés: Enxeñaría Química e Bioprocesos (5,19%), Enxeñaría Ambiental (9,45%) e Servizos Culturais (6,25%), o mestrado máis plurilingüe de todos, pois se imparte en cinco idiomas.

Martes, 11 de febreiro de 2014