Linguas, departamentos e categorías

O uso das linguas na docencia depende, en primeiro lugar, da súa competencia lingüística, mais sobre todo, da motivación dos profesores/as e da súa predisposición ao cambio. Dous factores se relacionan directamente con este feito: as redes que se establecen nos departamentos e a idade, que á súa vez ten moito que ver coas categorías de PDI, pois o profesorado tende a ocupar as categorías máis estables (funcionarios) ao tempo que, cos anos, desenvolve a súa carreira docente e investigadora.

Neste curso 2013-2014 son oito os departamentos que sobrancean por non impartiren nin unha soa hora docente en lingua galega, todos de Ciencias da Saúde (Obstetricia e Xinecoloxía, Ciencias Morfolóxicas, Pediatría, Enfermaría, Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía) e de Ciencias (Física da Materia Condensada, Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, e Xenética).

De novo, entre os 13 departamentos que imparten máis da metade das súas horas docentes en galego o perfil predominante é o de Humanidades e Ciencias Sociais, agás Ciencias Clínicas Veterinarias. Lidera o ensino na nosa lingua Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, co 100% das horas docentes.

Linguas e categorías

O profesorado titular, a categoría maioritaria de PDI na USC (o 48%, no ano 2012), imparte en galego o 22,44% das súas horas docentes, con lixeira vantaxe dos titulares de escola universitaria (28,21%). Os catedráticos e catedráticas universitarios (o 18% do PDI) rebaixan esa media ata o 14,32%.

Entre o profesorado asociado (15,2% do PDI), o uso do galego diverxe dende o 23,72% do asociado típico ao 8,57% no caso do profesorado asociado de Ciencias da Saúde.

O profesorado contratado e axudante (case o 13%) utiliza o galego no 33,52% das aulas que imparte, e os interinos/as (o 3,4%) fano no 46,9%.
 

Martes, 11 de febreiro de 2014