Entrega oficial dos Premios á calidade lingüística do curso 2012-2013

Os galardóns de todas as modalidades dos IX Premios á calidade lingüística seranlles oficialmente entregados ás persoas gañadoras nun acto académico conxunto o vindeiro xoves 20 de febreiro, xoves, ás 12:30h na Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia en Santiago de Compostela, que contará coa presenza do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e outras autoridades académicas.

En setembro decidíranse os cinco gañadores dos traballos académicos presentados (24). E o 17 de decembro o xurado ditaminou os gañadores da outra modalidade, traballos de fin de grao e proxectos de fin de carreira (71 TFG/PFC presentados) e da modalidade de traballos de fin de mestrado (58 TFM presentados). O xurado quere salientar que as habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado da USC resultan moi satisfactorias, á vista destes traballos presentados, o cal fixo realmente complicada a elección dos merecedores dos premios.

Resultaron gañadores/as dos premios na modalidade dos traballos de fin de grao (TFG) e proxectos de fin de carreira (PFC), dotados con 300 euros e diploma acreditativo:

  • Área de CC. da Saúde: Uso de dispositivos móbiles (teléfono intelixente e tablet) nas unidades de hospitalización: oportunidades para o persoal de enfermaría, de Francisco Xosé Román Losada (Grao en Enfermaría)
  • Área de Ciencias: Estudo de decaementos do quarck b en LHCb, de María Vieites Díaz (Grao en Física)
  • Área de Enxeñaría (ex aequo): Mellora da correlación entre pares estereoscópicos do satélite IKONOS para a xeración de modelos dixitais de elevacións, de Lucía Denniss Fernández Rodríguez (Enxeñaría Técnica en Topografía) e Desenvolvemento dunha libraría Java para a codificación e descodificación de mensaxes BURF, de Olalla Galiñanes Feijoo (Grao en Enxeñaría Informática)
  • Área de Humanidades: As relacións entre Irlanda e Inglaterra na Idade Media: conquista e identidade (Séculos XII-XIV), de Ánxela Vázquez Andrade (Grao en Historia)
  • Área de CC. Sociais e Xurídicas: Elaboración dun plan de empresa: unha aplicación empírica, de Helena Figueiras Vázquez (Grao en Administración e Dirección de Empresas)

Na modalidade dos traballos de fin de mestrado (TFM), dotados con 500 euros e diploma acreditativo:

  • Área de CC. da Saúde: Situación actual das razas leiteiras en granxas ecolóxicas no norte de España, de Ruth Rodríguez Bermúdez (Mestrado Universitario en Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria)
  • Área de Ciencias (ex aequo): Hipersuperficies reais con dúas curvaturas principais nos planos proxectivo e hiperbólico complexos, de Cristina Vidal Castiñeira (Máster en Matemáticas) e Aplicación de diferentes métodos de análise na valoración do estado de conservación das poboacións Spiranthes spiralis(l.) Chevall (Orchidacecae) no NW da península ibérica, de Irene Lema Suárez (Mestrado Universitario en Biodiversidade e Conservación do Medio Natural)
  • Área de Enxeñaría: Eliminación de cinc e níquel de disolucións acuosas mediante biosorción na alga mariña sargassum filipendula, de Roberto Rodríguez Páramo (Mestrado en Enxeñaría Ambiental)
  • Área de Humanidades: Performatividade na poesía galega contemporánea: O caso de Xiana Arias, de Larisa Rozados Lorenzo (Mestrado en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e a Cultura)
  • Área de CC. Sociais e Xurídicas: O ensino dun pasado traumático: o caso da violencia franquista na educación secundaria en perspectiva comparada, de Concepción López Sánchez (Mestrado en formación do profesorado)

Incentivación da calidade e do uso do galego entre o alumnado

Os Premios á calidade lingüística pretenden fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Concretamente, incentiva nos estudantes o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc., na nosa lingua.

Esta novena edición, correspondente ao curso 2012-2013, ademais de acoller unha terceira modalidade (traballos de fin de mestrado, xunto cos traballos académicos e traballos de fin de grao) incluía outras diferenzas a respecto das anteriores: por vez primeira se convocaba para todas as titulacións de grao, dotaba cinco premios por grandes áreas de coñecemento e reducía os premios de dous a só un, así como a súa contía, por mor dos axustes económicos que sofre o SNL.

No vindeiro mes de marzo deste curso que andamos convocaranse os X Premios á calidade lingüística, de novo para as tres modalidades.





 

Luns, 10 de febreiro de 2014