Outras corenta unidades didácticas!

A colección UD. Unidades didácticas da USC, orientada a editar materiais docentes de calidade e pensada para apoiar o traballo do profesorado e do alumnado de todas as materias e titulacións da universidade, chega a case 200 títulos logo da publicación de corenta novos traballos.

Nesta nova fornada de unidades didácticas, son corenta os títulos publicados, na súa maioría (vintecinco deles) pertencentes á Área de Ciencias Xurídicas e Sociais, e concretamente ao eido da economía e da empresa, xa que o  Obradoiro de elaboración de unidades didácticas en galego de que proceden (o único deste ano) se realizou na Facultade de CC. Económicas e Empresariais, o que sempre facilita a incorporación de docentes do centro. Con todo, tamén o alumnado doutras áreas e titulacións poderá acceder a novos materiais didácticos na nosa lingua. Deste xeito chegamos en total ás 71 unidades didácticas de Ciencias Xurídicas e Sociais, 47 de Ciencias Experimentais, 35 de Ciencias da Saúde, 29 de Ensinanzas Técnicas e 16 de Humanidades.

Como é sabido, o dito Obradoiro é eminentemente práctico, e nel apréndese cuestións de didáctica, lingua e comunicación, edición e propiedade intelectual. Logo, cada docente elabora unha unidade dunha materia que imparta con seguimento titorizado por parte dos especialistas do equipo que imparte o Obradoiro (Carmen Sarceda, Manuel Bermúdez, Juan Blanco Valdés e Ángel García Vidal).  Finalmente, a unidade publícase dentro desta colección do Servizo de Publicacións da USC, co seu ISBN e baixo licenza Creative Commons.

Novidades

Os novos títulos, e a colección deica en diante, só se publicará en formato dixital, o que permitiu mellorar o seu deseño e funcionalidades para, entre outros cambios, facilitar a súa lectura e consulta en computadores e tamén en dispositivos móbiles, incluíndo marcadores (bookmarks) para a navegación dixital. A edición unicamente dixital non ten ningunha pexa fronte ao papel para os seus autores e autoras, xa que está recoñecida igualmente na valoración de méritos.

A segunda novidade refírese á súa difusión. A partir de agora, as unidades didácticas estarán dispoñibles ao prezo único de 2 euros na librería dixital da USC (ao final de todo) durante os seis primeiros meses logo da súa publicación. Unha vez transcorridos aniñaranse en acceso aberto e de balde en Minerva, o repositorio institucional da USC, a onde tamén se trasladarán as anteriores unidades, agora dispoñibles no sitio web do SNL. Esta nova difusión permite que as/os alumnas/os poidan descargar as unidades como .pdf e, de o desexaren, imprimilas onde queiran.

Obradoiro, colección e lingua

En 2008 apareceron as dezasete primeiras unidades didácticas desta colección da USC, como resultado do Obradoiro de elaboración de unidades didácticas en galego que organizara, como curso piloto, o Servizo de Normalización Lingüística, co impulso da Comisión de Normalización Lingüística de Psicoloxía.

Contar cun recurso didáctico de calidade para utilizar non só nas materias das titulacións para as cales as concibiron os seus autores/as, senón tamén por parte doutros/as docentes doutras titulacións que poden recomendar o seu uso sempre que o estimen oportuno na súa docencia. Deixar atrás os apuntamentos ou as fotocopias para contar cun material de apoio ao ensino con calidade, tanto formal coma nos contidos, adaptado ás necesidades reais e ao contexto da USC. Facilitar a publicación, por parte dos docentes, de materiais importantes, pero que doutro xeito se cadra nunca chegarían a ver a luz... E o feito de que a lingua galega enfíe dende o principio esta importante iniciativa, achegando materiais didácticos en galego e enganchando por vez primeira a algúns e algunhas dos docentes participantes.

Dende daquela, cinco anos e nove obradoiros máis tarde, a iniciativa semella consolidada:

  • Polo éxito dos cursos, sempre cunha demanda moi superior ao número de prazas, forzosamente limitado, dado o volume de produción que xera. Non alleo a este interese é contar cunha publicación co ISBN da Universidade e o recoñecemento do esforzo que supón elaboralos.
  • Pola alta valoración que reciben os obradoiros nas enquisas de satisfacción do PDI do Programa de Formación e Innovación Docente.
  • Polo número de unidades didácticas publicadas: chegamos xa a 198.
  • Por conseguir reenganchar profesorado que seguiu o curso e que, logo de publicar a primeira unidade, continúa a publicar as seguintes, dentro do proxecto didáctico que encetou e asumiu co Obradoiro.
  • Pola satisfacción do profesorado e do alumnado que traballa con elas.
  • Por demostrar que calquera profesor ou profesora, fale a lingua que fale, é quen de elaborar un material didáctico en galego, con alta calidade, contribuíndo a que a nosa lingua campe un pouco máis na docencia universitaria.




 

Venres, 29 de novembro de 2013