Polo dereito á ciencia en galego

O pasado 4 de novembro celebrouse por terceira vez o Día da ciencia en galego na USC con diversas actividades tanto en Santiago como en Lugo, mediante as cales se reivindica o dereito a unha formación científica na nosa lingua en todos os niveis educativos así como maiores posibilidades de uso no terreo da investigación e da divulgación.

O Día da Ciencia en Galego centrábase neste ano 2013 nas relacións entre Arte e a Ciencia, así como na Estatística, e escolleuse como persoeiros a quen lles dedicar as celebracións o arquitecto Richard Buckminster, á enfermeira Florence Nightingale e ao intelectual e artista galego creador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo.

Na Biblioteca Intercentros de Lugo celebrouse a I Xincana Bibliográfica, unha competición onde  equipos de tres persoas da comunidade universitaria debía atopar cos medios da biblioteca a información requirida no menor tempo posible. O equipo gañador estaba constituído por Lidia Osorio Castelao, Tamara Arango López e Ángel Castro Ramos, que conforme as bases, levaron cadanseu dispositivo electrónico como premios.

O persoal da Biblioteca Xeral de Santiago de Compostela elaborou un centro de interese sobre un dos persoeiros a quen se lle dedicaba o Día da Ciencia en Galego. Isaac Díaz Pardo: arte, industria e comunicación recolle unha escolma da bibliografía que se pode atopar sobre Díaz Pardo na nosa biblioteca.

O 6 de novembro foi a data escollida para que instalacións de distintos centros do Campus de Lugo (Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, laboratorios de Veterinaria e Ciencias, o invernadoiro de prácticas ou o taller de medicións forestais da EPS, abriran as súas portas e ofreceran ao alumnado e profesorado dos centros de secundaria un percorrido guiado polos investigadores e investigadoras que traballan neles, co fin de explicar de forma sinxela o que alí se fai.

Ese mesmo día expertos do Campus de Lugo presentaron cun enfoque divulgativo, as temáticas e persoeiros conmemorados nesta edición do Día da Ciencia en Galego. De Isaac Díaz Pardo encargouse o editor Xosé Ramón Fandiño; da enfermeira e estatística Florence Nightingale, Isidoro Rodríguez, da Escola de Enfermaría.  O profesor de Veterinaria José Mª Alonso presentou a estatística como ferramenta para calcular a incerteza. Sobre Estética e semiótica da química: formulando con arte disertou Marcelino Maneiro, de Ciencias. E da Arte e ciencia na construción, Xoán Carlos Carreira, da EPS.

Na Facultade de Matemáticas desenvolvéronse o 5 e 6 de novembro as  Xornadas de terminoloxía matemática “Comparte a beleza. A beleza dos números, a beleza das palabras”, homologadas pola Consellaría de Educación, que abordaron os problemas de fixación do léxico científico así como o uso da terminoloxía matemática no nivel universitario e no ensino secundario.

As actividades propias da USC coempletáronse co ciclo de conferencias divulgativas "Nunha relación aberta: Arte e Ciencia", celebradas no Salón Nobre de Fonseca. A relación entre os adiantos no eido da informática e as novas manifestacións artísticase (cinema, pintura, escultura, música...); o proxecto de Sargadelos como xuntoiro de ciencia, técnica, industria e arte; ou a conxunción de música e matemáticas foron os eixos das conferencias impartidas polos profesores Julian Flores (Dpto. de Electrónica e Computación), Miguel Anxo Rodríguez (Departamento de Historia da Arte) e por Mario Diz, director da Orquestra do Espazo de Cámara da USC, que pechou cun concerto ilustrativo o ciclo.

Finalmente, o 12 de novembro, a USC, a través da Área das TIC, colaborou coa Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística na organización dunha nova e masiva sesión de videoconferencias. Desta volta máis de 9.000 alumnos de 150 centros escolares de toda Galicia seguiron a profesora de Didáctica das Ciencias Marilar J. Alexandre, que lle falou ao alumnado de primaria sobre os “Benqueridos insectos”, mentres que o profesor de Electromagnetismo Jorge Mira se dirixiu ao de secundaria para aprenderen “Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol.”

Este conxunto de iniciativas segue o camiño comezado en 2010 coa campaña en tres fases de En galego tamén se fai ciencia (organizada polas tres universidades galegas) e continuado os pasados 2011 e 2012 cun programa de actividades que se estendeu por centros dos campus de Santiago e Lugo, así como coa colaboración coa Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística dos centros de ensino non universitario na organización e posta en marcha das súas videoconferencias con especialistas da USC como o profesor Ángel Carracedo ou investigadores/as do grupo de partículas.

 
 

Venres, 29 de novembro de 2013