“Loita de clases” gaña a terceira edición de “Somos a curta!”

Aló van tres edicións de "Somos a curta!", o concurso de vídeos de comedia que organiza a CNL de Ciencias da Comunicación. E esta terceira xa ten gañadores...

Denís Losada Varela, alumno de Ciencias da Comunicación, foi merecedor do primeiro premio (400 euros e diploma) e mais do premio do público (diploma) da terceira edición do certame “Somos a curta!” con “Loita de clases”, un divertido paseo polos tópicos con que se cualifica o alumnado de titulacións como enxeñaría, matemáticas, dereito, filosofía, maxisterio ou comunicación audiovisual... “Loita de clases”, que rula polas redes, está sendo un pequeno grande éxito, con máis de 10.000 visionados e xa se demanda unha segunda parte que trate das titulacións restantes.

O segundo premio do certame foi para Patricia Roca Fernandez, que leva 200 euros e diploma, pola fita "Santiago de Compostela 2024", a presentación á prensa da candidatura da cidade de Santiago para ser sede dos xogos olímpicos nun contexto de austeridade.

"Somos a curta!" é un certame organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación, a proposta da Liga Estudantil, que premia a mellor peza audiovisual curta de comedia en galego, cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e, finalmente, e non menos importante, gozarmos dunha xornada de humor na nosa lingua.

O 7 de novembro as cinco curtas finalistas, logo dunha selección realizada polo xurado, exhibíronse nunha gala especial na propia Facultade, presentada polas poetas Lucía Aldao e María Lado, durante a cal o público votou a fita que levaba o seu premio, galardoado con diploma honorífico.
 
 

Venres, 29 de novembro de 2013