Gústame o galego! na USC: éxito total

Gústame o galego! colleitou un grande éxito na nosa Universidade. Do reitor para abaixo, todo o mundo quixo fotografarse co seu lema a prol do galego: docentes, estudantes, membros do PAS, responsables académicos, compañeiros/as da limpeza, das cafetarías... Sós ou en grupos, máis ou menos numerosos. Cos colegas, coa familia ou mesmo co can. Botando a lingua, dando choutos ou ensinando perna. Portando unha única mensaxe ou partillando varias... Escollendo as máis institucionais (Gústame o galego na USC), as máis serias (Gústame que me lembren dando clase en galego), as invitadoras (Gústame que non abandones o galego ao chegares á universidade, aínda que eu non cho dea falado) as referidas a situacións cotiás (Gústame as aulas, as asembleas, os seráns de biblioteca e os xoves de troula... na nosa lingua!) ou as máis divertidas (Gústame ter química en galego ;-) e o resto dos graos... tamén!). E todo o mundo, coa súa chapiña.

campaña galego 01E dicimos do reitor para abaixo porque o profesor Casares foi o primeiro en posar no acto de presentación da campaña, o pasado día 12 de setembro, tanto só como acompañado de representantes das comisións de normalización lingüística de centros e de varias asociacións de estudantes que participaron activamente na organización da campaña.

Como resultados de impacto, unhas 800 persoas pasaron polo posadoiro nos catro días, fixéronse máis de 450 fotos e o facebook da campaña eses días tivo unha participación activa de case 6 mil persoas (compartindo e comentando fotos, dándolle a "gústame") e un alcance de máis de 64 mil vistas. Mais tan importante como os números é o clima especial que se creou arredor dos photocall, que motivou reflexións, comentarios e charlas verbo da nosa lingua e o seu papel na sociedade e na universidade galega.

A campaña desenvolveuse os días 16 a 18 de setembro nas explanadas existentes diante de Psicoloxía, a Biblioteca Concepción Arenal, Económicas e Biblioteca Intercentros de Lugo, lugares escollidos para, aproveitando que o tempo acompañaba, favorecer o coñecemento da campaña e a participación no photocall, algo que tamén promoveron membros das comisións de normalización lingüística dos centros e das asociacións de estudantes implicadas, Acción Universitaria, Comités, FAD, JEMSA e Liga Estudantil Galega, que xa contribuíran previamente á elaboración de dez lemas propios da USC para completar un total de case corenta lemas da campaña.

Gústame o galego! é unha campaña xeral de fomento da lingua coa que se visibiliza o apoio individual de persoas de todo tipo e idades ao proceso de normalización lingüística a través de fotos con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situacións. Ao organizar a campaña na USC buscouse ademais favorecer actitudes positivas cara ao uso do noso idioma especificamente nas actividades da USC, así como promover unha mínima reflexión para que o alumnado galegofalante ou bilingüe manteña os seus usos lingüísticos habituais ao chegar á USC, dada a alta tendencia á converxencia cara á lingua de uso maioritario na Universidade en ámbitos tan centrais como a docencia.

A todas as persoas e asociacións que participastes dun xeito ou doutro na campaña e que fixestes de Gústame o galego! un éxito... grazas!
 

Xoves, 10 de outubro de 2013