Proxéctate en galego, tamén en 2013!

O Foro de 2013 de Proxéctate en galego! volve ser un espazo multidisciplinar e transversal para todos os centros do Campus de Lugo: parte da idea de que o idioma, así como a nosa cultura e o noso patrimonio, pode converterse nun dos piares ou motores das nosas vidas, tanto no plano persoal como no profesional. En efecto, os Foros e as Xornadas de achegamento ao medio rural que os precederon destacan que o galego permite innovar e así ter maior oportunidade de negocio, de transmitir á sociedade os seus logros científicos, ou de mellorar a comunicación con persoas doutras culturas.

As comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo (ADE, Ciencias, EPS, Formación do Profesorado, Humanidades e Veterinaria) organizan este Foro 2013 os días 18, 19 e 20 de outubro na Casa do Saber, na Vicerreitoría do Campus de Lugo.

As actitudes das galegas e galegos cara á nosa lingua, o galego no tempo do lecer, as posibilidades que abre o consumo responsable á normalización lingüística son os temas que centrarán as conferencias e táboas redondas, nas cales participarán especialistas e mesmo xente ben coñecida como o escritor Sechu Sende, o divulgador Manolo Gago ou a recoñecida cantante Sés. O foro rematará baixo o tema “O patrimonio é unha mina”, que se artellará mediante unha viaxe para coñecer un referente patrimonial como é a fortaleza de San Paio de Narla. O programa complétase coa presentación do novo espazo web de Proxéctate en Galego!

A inscrición é en liña e está aberta ata o 15 de outubro; custa 5 euros, o que inclúe a viaxe do domingo á fortaleza de San Paio de Narla.

 

Mércores, 09 de outubro de 2013