Bule coa túa proposta para Somos a curta!

Se es dos que anda gravando todo en vídeo... Se tes chispa para crear unha comedia (e un colega que lle dea ao vídeo). Ou se tes aspiracións de diva ou divo do cinema, ou alma de negociante produtor (e un par de colegas para que che fagan un guión e... que lle dean ao vídeo). En definitiva, se che apetece facer unha excursión ao mundo do cinema e es estudante dalgunha das universidades galegas, de Imaxe e Son, ou de bacharelato artístico neste ano 2013, podes participar no III Premio de curtas de comedia  «Somos a curta!»

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación convoca a terceira edición do certame "Somos a curta!", dirixido a premiar a mellor peza audiovisual curta de comedia en galego. Para concursares non tes máis que enviar tres dvd coa peza e os datos correspondentes á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC ata o 25 de outubro, pois o prazo foi ampliado para facilitar a participación.

O 7 de novembro todas as curtas presentadas exhibiranse nunha gala especial na propia Facultade, na que o xurado outorgará dous premios de 400 e 200 euros, e o público elixirá que fita leva o seu premio, galardoado con diploma honorífico. Nas edicións anteriores semella que o xurado premiou curtas excelentes mais absolutamente irreverentes como Longa noite de verga ou Familia, e o público decidiu galardoar Por couso!

A CNL de Ciencias da Comunicación organiza este certame, unha proposta da Liga Estudantil, cos obxectivos de promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e, finalmente, e non menos importante, gozarmos dunha xornada de humor na nosa lingua. 
somosacurta2013

Mércores, 09 de outubro de 2013