Tres obradoiros para o PDI

O Obradoiro de emprego de redes sociais para a docencia en galego: Facebook e Twitter terá lugar na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo a partir do 14 de xuño. Trátase dun obradoiro novidoso, que vai pola segunda edición, e moi práctico: de feito, as persoas participantes deberán levar os seus propios dispositivos móbiles ao curso. Nel poderán entender o concepto de redes sociais en Internet e familiarizase coas dúas máis coñecidas (Facebook e Twitter), coñecer experiencias e experimentar como se poden empregar en contornos educativos universitarios, e utilizalas en galego. Seralle útil a quen xa utiliza estas ferramentas pero non sabe como aplicalas aos usos docentes e, por suposto, a quen parte de cero.

O Obradoiro de presentacións dixitais eficientes en galego: Como utilizarmos as presentacións para comunicarmos mellor convócase na súa quinta edición e desenvolverase na Facultade de Dereito a partir do 18 de xuño. O proceso de planificación dunha presentación (estrutura, redacción e axudas visuais) e a comunicación con esta ferramenta (escenario e posta en escena: como conseguir que as presentacións dixitais sexan atractivas e complementen o discurso oral, sen afogalo) son os contidos principais do curso, que tamén fornece un modelo de presentacións de calidade e adaptado á USC. Con estes vimbios os docentes elaboran as súas propias propostas e presentaránllelas aos seus compañeiros/as utilizando todo o aprendido ao longo do curso. O prazo de matrícula está aberto ata o día 15 de xuño.

Aprender a elaborar unidades didácticas de calidade, segundo un modelo propio da USC, e construír unha contando con apoio pedagóxico, lingüístico, comunicacional e de deseño, así como información relevante dende o punto de vista da propiedade intelectual, son os eixos arredor dos que se artella o Obradoiro de elaboración de unidades didácticas en galego. Esta décima edición do obradoiro vaise desenvolver na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a partir do 14 de xuño, de novo con grande aceptación: en só dous días estaban cubertas e con lista de agarda as 20 prazas ofertadas.

Non é de estrañar, pois trátase dunha actividade que é todo vantaxes para o PDI: axunta unha mellor formación, méritos recoñecibles nas normativas aplicables ao PDI (por participación en cursos de formación, publicación con ISBN da Universidade, uso do galego na docencia) e unha indiscutible mellora da actividade docente.

O obradoiro ha sementar novas unidades didácticas de calidade e en lingua galega que sumar ás 160 unidades didácticas xa publicadas. Ás resultantes do Obradoiro haberá que lle unir aquelas que completen o proxecto didáctico encetado por profesores e profesoras que participaran no Obradoiro en edicións anteriores -e daquela, unha unidade xa publicada- e teñan preparado novo material.

Información sobre a convocatoria dos cursos: Programa de Formación e Innovación Docente da USC

Martes, 28 de maio de 2013