Ceibamos vocabularios!

A Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación establece o compromiso coa difusión universal do coñecemento, mediante o posicionamento a prol das políticas de acceso aberto á información científica. A USC respondeu a ese compromiso fundamentalmente co seu repositorio dixital e coa normativa que o regula, que no seu artigo 1 establece que “A Universidade de Santiago de Compostela (USC) tenderá á publicación da súa actividade científica en acceso aberto.”

Atendendo a estes compromisos, pero tamén á conveniencia de facilitar resultados dun traballo terminolóxico de tipo fundamental á sociedade galega, para que esta os aproveite a prol da normalización da lingua galega en todos os eidos e para que o seu tecido económico poida tirarlle partido mediante a transferencia do coñecemento, como ocorreu recentemente co bUSCatermos, os 24 repertorios editados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC dende 1993 ata a actualidade pasarán de estar acollidos á fórmula do copyright a difundirse baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual (CC-BY-SA 3.0).

Xa que logo, a partir deste momento é posible aproveitar calquera deses traballos para compartilo, copialo, distribuílo e comunicalo publicamente, así como para facer obras derivadas, inclusive con vocación comercial, sempre que se recoñeza a autoría do SNL e se compartan baixo a mesma licenza todas as obras resultantes.

Malia non estaren publicados no repositorio dixital da USC, este conxunto de glosarios e vocabularios técnicos supoñen a colección terminolóxica máis ampla dispoñible para o idioma galego e están dispoñibles no web do Servizo de Normalización Lingüística, responsable da súa planificación, dirección e execución técnica.

Con esta iniciativa, o Servizo de Normalización Lingüística da USC pretende facilitar a difusión destes produtos, así como favorecer que os/as potenciais usuarios/as poidan melloralos, adaptalos ás súas necesidades ou integralos nalgunha das ferramentas e aplicacións (xestores de bases de datos, sistemas de tradución automática ou asistida, correctores ortográficos...) que empregan a terminoloxía como materia prima de traballo.

A medida agora adaptada non se lles aplica aos traballos elaborados no marco da Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter), pois neste caso o SNL ten unicamente dereitos sobre os contidos referidos á lingua galega e non sobre a publicación íntegra.

Martes, 28 de maio de 2013