Os idiomas das teses de doutoramento

Aínda que se trata de traballos singulares, en moitos casos encadrados en proxectos de investigación, que non poucas veces se redactan pensando xa no seu aproveitamento para publicación -o que condiciona de xeito notable os usos lingüísticos, encamiñándoos cada día máis cara ao inglés-, o certo é que na redacción das teses de doutoramento hai alternativas.

No ano 2012 defendéronse na USC un total de 298 teses de doutoramento, o meirande número ata agora. A maioría (224) foron redactadas nun só idioma, principalmente o castelán (163), seguido do inglés (23) o galego (19) e o portugués (16), mentres que outras 74 foron redactadas en dúas linguas; neste caso, de novo o castelán segue campando como idioma preferente, mentres que como secundario sobreancea o inglés.

teses

Ao reflectimos todos estes datos na gráfica, e tendo en conta que cando unha tese está redactada en dous idiomas, cada un deles contabiliza a metede, o dato máis visual sería o predominio do castelán nas teses, seguido pola importante presenza do inglés, seguido do galego e do portugués; o francés e o italiano usáronse en cinco teses.

Como non podía ser doutro xeito, dada a súa masiva presenza, o castelán úsase nas teses de case todo tipo de departamentos e de xeito maioritario. O segundo idioma das teses, o inglés, asóciase coas ciencias experimentais. O galego, pola súa banda, utilízase preferentemente en departamentos de ciencias sociais e humanidades, así como en matemáticas, mentres que o portugués aparece en teses con orientacións moi variadas.

Se botamos unha ollada no tempo aos usos lingüísticos absolutos nas teses (temos datos dende 1990), tres fenómenos chaman a nosa atención, tendo en conta que os datos doutros idiomas foron detallándose progresivamente (en 1994 e en 2009, como reflicte a gráfica):

teses_evolucion
 
•    A redución do espazo que ocupa o castelán nas teses.
•    A consolidación do uso do galego nunha modesta porcentaxe.
•    O avance importante do inglés.

Acoutando a perspectiva aos últimos catro anos e xa en porcentaxes con respecto ao total de teses lidas, obsérvase que o meirande número de teses lidas o pasado ano se relaciona de xeito directo cun descenso da diversidade lingüística, a prol do castelán, o que probablemente ten moito que ver coa necesidade de doutorarse en prazo para algún sector do PDI.

teses_evolucion_2009

As 32 teses redactadas en 2012 total ou parcialmente en galego (catro das cales corresponden ao Departamento de Filoloxía Galega) reafirman a validez do noso idioma na investigación, malia a innegable proxección do inglés e tamén do castelán, e aínda que, como xa dixemos, o seu uso é máis frecuente en teses presentadas en departamentos de humanidades e ciencias sociais, tamén se utiliza en Álxebra, Enfermaría, Electrónica e Computación, Edafoloxía e Química Agrícola, Enxeñaría Química, Física Aplicada, Química Analítica, Química Inorgánica, Xeometría e Topoloxía.
 
Na seguinte gráfica apréciase o avance do noso idioma nun traballo tan importante como son as teses de doutoramento.  As 423 teses presentadas en galego dende 1988 reflíctense ademais nun notable grao de fidelidade ao idioma cando os seus autores e autoras teñen a oportunidade de ficaren como docentes na Universidade.

teses_galego

Aínda que as persoas doutorandas que redacten e defendan a súa tese en galego teñen dereito a unha axuda por parte da USC, sempre que non se adscriban ao Departamenteo de Filoloxía Galega, de carácter lingüístico e económico (ata 400 euros), o certo é que non chegan á metade os doutores e doutoras que a solicitan.

Nota: Para ver as gráficas con maior nitidez, visite a páxina correspondente ás axudas á investigación en galego.

Martes, 30 de abril de 2013