Os idiomas nos TFG e nos TFM

Aínda que foi en 2010 cando se defenderon os primeiros TFG e TFM, 2012 é o segundo ano de que temos datos lingüísticos en relación a estes traballos, a través da aplicación de xestión académica, XesCampus.

Traballos de fin de grao

O pasado ano defendéronse 357 traballos de fin de grao na USC en trece titulacións. A lingua máis utilizada foi o castelán e só pouco máis de un de catro optaron por realizalos en galego, como se pode ver na gráfica.

tfm2012 evolucion_tfg

En todas as titulacións en que se leron TFG houbo algún redactado en galego, agás en Enfermaría. E a titulación en que galego e castelán foron máis parellos é o grao en Economía: 16 e 17, respectivamente, se cadra pola existencia de modelos de traballos de fin de grao no noso idioma e porque a Comisión de Normalización Lingüística do centro leva dous anos organizando o Obradoiro de elaboración de TFG en galego que facilitan a súa redacción.

Os datos das linguas de lectura e defensa dos TFG sofre unhas pequenas variacións á respecto dos de redacción: en catro casos (tres elaborados en castelán e un en catalán) preferiuse defender o TFG en galego.

Aínda que só temos dous anos de perspectiva en canto aos usos lingüísticos nestes traballos, parece cumprirse a lei de que canto máis se vai asentando un novo marco (os graos, os TFG...) na realidade, menos favorables son os datos ao uso do galego.

Traballos de fin de mestrado

En 2012 defendéronse 1.034 traballos de fin de mestrado. O panorama volve estar dominado amplamente  polo castelán, aínda que é algo máis variado en canto ás linguas utilizadas, como se reflicte na gráfica.

TFM_2012 evolucion_tfm

O castelán é a lingua utilizada en 740 TFM (o 71% do total), e o galego está presente en 235 (o 23% dos TFM); ademais utilízase outras linguas, como o inglés (en 41, o 4%), o portugués e, en menor medida, italiano, catalán, ou francés.

Tamén neste caso existen diferenzas nos datos analizados entre a lingua en que se redactan os TFM e a lingua en que se len: inglés, francés e portugués saen perdendo (23, 3 e 2, respectivamente, a prol do catalán (1), o castelán (3) e o galego (24).

O pasado curso impartíronse 85 titulacións de mestrado; en 82 delas elaborouse polo menos un TFM en castelán, ata un total de 740; os 235 TFM redactados en galego adscribíronse a 52 titulacións; ou dito doutro xeito: en 27 titulacións de máster non se chegou a elaborar ningún traballo en galego.

Nos TFM percíbese a mesma diminución do uso do galego que nos TFG, a respecto do pasado 2011.
 

Martes, 30 de abril de 2013