Localización a esgalla!

Unha xornada de traballo de moi alta produción. Deste xeito cualifican Antón Méixome e Enrique Estévez, os profesores do V Fiadeiro de localización de software libre o traballo desenvolvido polos asistentes nas oito horas do sábado 27 de abril. Non é para menos: non só deron feito, en colaboración, a tradución para o galego da propia plataforma que se usa para traducir Transifex (para que non se diga que “na casa do ferreiro, coitelo de pau”), e da plataforma de foros Askboot, que eran os proxectos obxectivo do V Fiadeiro. Ademais, traduciuse practicamente completo o programa Bibus (xestión de bibliografía), o 50% de Gettex-tool (utilidade de manexo de ficheiros de tradución) e iniciouse proceso de tradución de OJS - Open Journal System, unha plataforma para a publicación de revistas académicas.

P4271455
Tras a sesión formativa que lles impartiu persoal de Trasno -o proxecto de carácter voluntario adicado á adaptación á lingua galega do sistema GNU/Linux e o software libre en xeral-, nas cales coñeceron as ferramentas que ían utilizar, as memorias de tradución, os glosarios, as normas de estilo, etc., e tras unha primeira proba de tradución en que compartiron dúbidas e solucións, os participantes botaron oito horas de xornada localizando as aplicacións encomendadas. Contaron co apoio e as explicacións dos profesores Antón Méixome e Enrique Estévez, de Trasno, que os acompañaron durante todo o sábado, así como do director académico da actividade, o profesor da ETSE Xosé Manuel Pardo.

Evidentemente, fixéronse paradas de descanso para tomar un café ou un refresco e algunha pasta, e todos desfrutaron dun xantar común na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Ademais, puideron  estirar e folgar un pouco no campeiro da ETSE xogando á billarda e á chave, grazas á colaboración do Servizo de Deportes da USC.
chave
Avaliacións, diplomas e premio

Aínda queda revisar e eventualmente rematar algúns dos proxectos ata ditaminar que parella resultará gañadora do premio «Máis e mellor», que recibirán un diploma acreditativo e un importe correspondente á valoración económica de carácter profesional do traballo que realizaran.

Todos os participantes, ademais de conseguiren un crédito de libre configuración, arrequentarán o seu currículum cun diploma de participación na actividade e mais cunha constancia do seu traballo de localización da aplicación que se lle encomendara; do mesmo xeito, han figurar nos créditos propios da versión localizada.

Os localizadores/as avaliaron moi satisfactoriamente toda a actividade, en especial o profesorado, as instalacións e a propia xornada de localización, e déronlle unha puntuación global de 3,4 sobre 4.

 

Martes, 30 de abril de 2013