Unha nova porta para entrar en bUSCatermos

Desde o pasado 1 de outubro bUSCatermos permite a consulta libre desde calquera computador conectado a internet. Isto inclúe tamén os teléfonos intelixentes e as tablets; pero a verdade é que acceder a unha aplicación web usando o navegador instalado nestes dispositivos é unha tarefa que require paciencia e vista de aguia, xa que o pequeno tamaño das pantallas dificulta a visualización da información.

Por iso é unha boa noticia que os usuarios de dispositivos Apple dispoñan xa dunha da posibilidade de acceder a bUSCatermos a través dunha interface concibida especificamente para estes aparelles, grazas á aplicación móbil gratuíta deseñada pola empresa Taptil, e presentada o pasado 17 de abril. A ver se nun período de tempo curto podemos darlle unha nova coma esta a quen ten dispositivos Android.

Este tipo de aplicacións móbiles teñen un grande interese para nós, pois amplían as posibilidades de usar bUSCatermos, ao integralo dunha forma eficiente (e cunha experiencia de consulta agradable) nos novos dispositivos móbiles, que se están convertendo nas interfaces a través das cales cada vez máis persoas acceden á información da Internet.

Pero se se trata dunha boa noticia polo "qué" (a nova aplicación), non o é menos polo "cómo". Foi Taptil quen contactou co SNL para aproveitar o servizo REST incluído en bUSCatermos, co fin de integrar os seus contidos nunha nova ferramenta móbil. A política de acceso aberto a datos que a través dese servizo se promove permitiu que en seis meses se desenvolvesen xa -e de balde para nós- dous produtos tecnolóxicos derivados de bUSCatermos: a aplicación móbil de que estamos a falar e o complemento para Firefox elaborado por Antón Méixome.

Xa que logo, cómpre agradecerlle desde aquí á Área TIC da USC que nos recomendase aplicar esa filosofía de acceso aberto a datos, recoñecer o traballo de quen desenvolveu aplicacións aproveitando as vantaxes desa filosofía, e animar a quen teña coñecementos e ideas a reelaborar e explotar os datos de bUSCatermos para producir a partir deles ferramentas derivadas que cubran novas necesidades.

 

Xusto A. Rodríguez Río

Xoves, 25 de abril de 2013